O programa de conciliación aínda dispón de 23 vacantes para agosto
A Aldea de Verán é un programa que lle ofrece á rapazada múltiples actividades educativas e de lecer durante as vacacións estivais. Porén, a aldea tamén é un programa de conciliación que lles permite ás persoas maiores compatibilizar o traballo e a atención aos seus nenos e nenas de luns a venres. Nesta edición o Concello ampliou o programa ata as 40 prazas para cada mes e tamén a monitoraxe. Unha oferta que no caso da quenda de xullo se esgotou en pouco tempo. Iso si, para agosto aínda hai 23 vacantes que se poden solicitar no departamento de Igualdade do Concello ata o día 15 deste mes. As familias empadroadas no municipio terán prioridade no acceso a este servizo que ao longo deste verán estará dedicado ao tema central das profesións e oficios.
A Aldea de Verán elixe cada ano un fío condutor para todas as súas actividades e neste 2016 os rapaces e rapazas poderán descubrir en que traballa a xente grande e mesmo emulala a través do xogo. A aldea empezou o día primeiro de xullo, xusto ás portas da fin de semana e cun luns festivo a continuación. De aí que non fose ata este martes cando xa acudiron todos os nenos e nenas e cando empezaron a gozar dos obradoiros programados. No primeiro convertéronse en profesionais da bioloxía e, como tales, investigaron a a fauna e a flora do contorno do CPI, onde está localizada a base da Aldea de Verán. Observaron os paxaros con prismáticos, andiveron á procura de escaravellos e outra bichería miúda; recolleron follas, identificáronas e usáronas para fabricar marcapáxinas coa axuda das monitoras.
A aldea desenvólvese entre as 8 e as 14h. con dúas quendas de entrada, unha a primeira hora e outra a partir das 10 da mañá. O programa está estruturado de maneira que a cativería se vaia adaptando a el pouco a pouco. Así, de 8 a 10 teñen o que se denominan “xogos espertador”, consistentes en actividades suaves e xogos cooperativos. De 10 a 13.30 é o tempo dedicado ás profesións que, á súa vez, se divide en tres apartados: “De maior podo ser…”, onde unha persoa maior do municipio lles contará en que consiste o seu traballo; “Así facía, así, asi…”, o momento no que os nenos e nenas deberán preparar as ferramentas correspondentes a ese traballo; e, tras un descanso para repor forzas, chegará o apartado “Practicando”, no que poderán xogar á profesión do día.
Terán unha chea de oficios para aprender, tanto actuais como tradicionais: a pesca, a panadería, a costura, a medicina, a veterinaria, a agricultura e a gandeiría… Nuns casos toda a actividade desenvolverase no ximnasio do CPI e noutros visitarán lugares nos que por en práctica o aprendido, como por exemplo na Escola Infantil Municipal -onde lles axudarán ás mestras- ou no Centro de Día, onde verán o traballo das coidadoras mentres os avós e avoas lles contan tamén a que se dedicaban cando eran máis novas.
As saídas da base da Aldea de Verán serán moitas máis durante os próximos dous meses. Unha vez por semana (os martes) terán piscina, os venres compartirán tempo cos nenos e nenas da Rolada e hai previstas outras actividades: catro excursións -en anteriores edicións houbo só dúas- e, en colaboración coa Xunta, o obradoiro de alimentación saudable “Ponlle as pilas ao teu bocata” a finais de xullo e o programa “Lecer Consumo” a finais de agosto.
A Aldea de Verán está concibida como un espazo de xogo e aprendizaxe a partes iguais, atendendo ademais a cuestións como o respecto, a igualdade e a empatía. O Concello ofertou 40 prazas para o mes de xullo -esgotadas case ao momento- e outras 40 para o mes de agosto, que aínda ten dispoñibles 23 vacantes. As familias que queiran solicitar praza poden facelo ata o 15 de xullo acudindo ao departamento de Igualdade, 981490027 (ext. 1). Terán prioridade aquelas que estean empadroadas no concello.