A Xunta corrobora as deficiencias que o grupo municipal socialista vén denunciando dende hai 8 anos e pon de manifesto que o alcalde faltou á verdade aos veciños cando asegurou que todo estaba subsanado
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo rexeita a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Tordoia polas múltiples deficiencias que presenta e pola non inclusión das observacións indicadas polos informes sectoriais. Ademais de instar unha vez máis ao Concello a subsanar todas as deficiencias, a Xunta obriga a proceder a unha nova aprobación provisional do PXOM.
O secretario xeral do PSOE de Tordoia, Carlos García, asegura que a decisión de Urbanismo “pon de manifesto que o alcalde faltou á verdade aos veciños cando dixo en repetidas ocasións que o PXOM estaba aprobado e que todas as deficiencias estaban subsanadas, cando o certo é que nin sequera recolleu as observacións dos informes sectoriais, tal e como levamos denunciando os socialistas nos últimos oito anos”. O secretario xeral dos socialistas de Tordoia considera fundamental o PXOM para o futuro de Tordoia, especialmente para poder atraer empresas e que as que xa están poidan ampliar as súas instalacións.
Reiteración nos mesmos erros
Esta é a segunda vez que o PXOM aprobado inicialmente polo Concello de Tordoia é rexeitado na Xunta, a anterior fora o pasado 2008. Un rexeitamento que “pon de manifesto que ao alcalde non lle interesa aprobar o Plan Xeral, pois leva oito anos cometendo as mesmas deficiencias e sen facer nada por desbloquear a situación”. Un claro exemplo é que tanto no PXOM do 2008, como agora no 2016, o informe da Secretaría carece de identificación da persoa que o asina, polo que non está debidamente dilixenciado.
“En agosto de 2008 xa denunciaramos eivas coma esta da Secretaría. E tristemente vemos que o señor Pereiro non fixo absolutamente nada nestes oito anos por resolver a situación, so faltar á verdade aos veciños cando lles dicía antes das eleccións municipais que o PXOM era a súa prioridade”, lamenta Carlos García. E iso que a propia Xunta lle requeríu ao Concello de Tordoia o 24 de agosto de 2015 a emenda das deficiencias observadas, pero a documentación enviada polo Concello o 24 de febreiro de 2016 segue presentando múltiples erros.
Informes sectoriais desfavorables
O informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo apunta que “o Concello solicitou, logo do requerimento de documentación efectuado o 24/08/2015, varios informes sectoriais sobre o plan xeral. Algúns deles son desfavorables ou conteñen observacións que implican modificar o plan xeral aprobado provisionalmente”. Ademais, o informe pon de manifesto que, unha vez máis, o envío da documentación realizouse sen as correspondentes dilixencias municipais. “Isto demostra que a aprobación provisional que fixo o señor Pereiro no primeiro pleno desta lexislatura non foi máis ca un brindis ao sol”, apunta Carlos García.
Entre os informes desfavorables figuran o da Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias (que sinala a necesidade de manter como sistema xeral ferroviario a vella liña de ferrocarril A Coruña-Santiago), o da Dirección Xeral de Aviación Civil, o Instituto de Estudos do Territorio e a Subdirección Xeral de Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, todos eles “con numerosas observacións a ter en conta”; e do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural, con observacións “que requiren a corrección do plan xeral e implican indirectamente a obtención dun novo informe”, segundo especifica Urbanismo.
Outras eivas do PXOM é que non achega o informe dos servizos técnicos municipais, que o informe de Secretaría carece de data e da identificación da persoa que asina ou que non se achegan informes que se citan no propio Plan Xeral, como son os informes da Dirección Xeral de Patromio Cultural, da Dirección Xeral de Aviación Civil ou da Axencia Galega de Infraestrutura.
Alegacións
Incluso a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo chama a atención sobre o feito de que “non se achega o certificado do resultado do trámite de información pública. No expediente remitido constan 466 escritos de alegacións, cando no informe ao respecto incluído no proxecto aprobado provisionalmente faise referencia a un total de 471, polo que cómpre clarexar a discrepancia e remitir, de ser o caso, a documentación que falte”.