Friday 22 de November de 2024

Feijóo subliña a importancia da formación para que a taxa de paro baixe dos dous díxitos en 2020 e recupere niveis “homologables aos de momentos de bonanza económica”


Cualifica os últimos datos de desemprego coñecidos como as mellores cifras dos últimos sete anos nun mes de xuño, posto que Galicia é a terceira comunidade autónoma que lidera o descenso experimentado a nivel nacional

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou a importancia da formación para consolidar o descenso rexistrado na taxa de paro e conseguir que baixe dos dous díxitos ao final da década, recuperando niveis “homologables aos de momentos de bonanza económica”. Así o manifestou no acto de entrega das acreditacións de competencias e certificados de profesionalidade correspondentes á convocatoria de 2015.

Feijóo referiuse aos últimos datos de paro coñecidos esta semana, que cualificou como as mellores cifras que levamos acadado en sete anos nun mes de xuño, posto que o desemprego está en España no seu menor nivel desde 2009 e Galicia é a terceira comunidade autónoma que lidera este descenso. Así, sinalou que o noso país conta neste momento con 207.320 persoas en situación de desemprego, ao pechar o mes de xuño con 21.742 parados menos que en xuño de 2015.

Incentivar a formación
Estes datos, en palabras do presidente, constatan que na Comunidade hai hoxe menos desempregados que no ano 2009 e son, dixo, os que dan sentido ao esforzo da Xunta por incentivar a formación laboral. Nese contexto, salientou que na convocatoria de 2015 para a obtención de certificados de profesionalidade foron 1.015 persoas as que obtiveron esta acreditación oficial con validez nacional.

Trátase, explicou, dun documento que acredita a experiencia laboral e a formación non formal das persoas que concorren a estas convocatorias que, sen estar vinculadas ao sistema educativo, aprenderon o seu oficio a través da práctica profesional ou do cursos non oficiais. Tal e como lembrou o presidente da Xunta, Galicia foi a primeira Comunidade en articular hai cinco anos este procedemento de acreditacións.

Feijóo tamén destacou que, durante este tempo, foron máis de 50.000 os galegos e galegas que obtiveron este certificado profesional. Finalmente, apuntou que esta cifra aínda pode medrar, pois a Xunta convocou en xaneiro 2.171 prazas para a obtención deste diploma e 623 actividades formativas dirixidas a persoas traballadoras que queiran acadar o seu certificado de profesionalidade.