Friday 22 de November de 2024

O alcalde destaca o forte carácter participativo e social do orzamento municipal para o exercicio 2016


SERÁ DEBATIDO EN PLENO DA CORPORACIÓN O VINDEIRO 14 DE XULLO

O alcalde Manuel Ruiz compareceu antes os medios de comunicación para presentar o orzamento municipal do Concello de Riveira para o exercicio 2016: uns presupostos que o rexedor cualificou como “os máis participativos da historia do municipio” e que fan unha fortísima aposta polo gasto social ao incrementar esta partida en máis de 400.000 euros ata alcanzar os 1,7 millóns de euros (subida do 31,75%).

Así e logo, o importe total do orzamento elévase ata os 21.492.596 euros, un 6,08% máis que o ano pasado.

De resultas deste orzamento e malia as dificultades derivadas da situación económica (con ingresos en niveis de fai 7 ou 8 anos e a engadida da subida do IVE) o Concello vai ser quen de seguir mantendo os servizos públicos e aumentando significativamente as partidas en áreas prioritarias como é o caso sinalado dos Servizos Sociais, na que, por exemplo, aumentan en 100.000 euros as axudas a dependencias.

Polo demais, no capítulo de gastos, os dedicados a persoal se manteñen nos niveis de 2010 (sube un 3% principalmente pola devolución da paga extra do 2011). Ademais, houbo unha importante contención no pago en intereses.

Ruiz Rivas fixo fincapé nas axudas destinadas a maiores, escolarización e subvencións culturais, máis as subvencións dedicadas ás cinto entidades principais que no ámbito social operan no concello: Ambar, A Creba, Amicos, Faibén e Renacer. Así mesmo, as axudas de diversa índole á festa da Dorna se incrementarán nun 130% ata rozar os 30.000 euros, en tanto que os clubs deportivos verán incrementada a liña de subvencións no 8,48%.

No que se refire aos investimentos, hai un aumento do 18% ata chegar aos 2.925.666 euros, dos cales os fondos propios do Concello aportan 900.000 (un 27% máis que en 2015).

Redución da débeda
Manuel Ruiz salientou a modo de resumo que melloran todas as ratios municipais. Así, redúcese a débeda en 15 puntos porcentuais (do 57,22% pasa ao 42,25%); o aforro bruto é de 4,3 millóns de euros e o neto de 2,8 millóns. Ademais, cúmprese a estabilidade orzamentaria cun superávit de 462.000 euros.

O alcalde solicitou “comprensión” en forma de aprobación ou abstención por parte dos diferentes grupos municipais á hora de debatelos (será nun pleno o vindeiro 14 de xullo) e subliñou que se trata duns orzamentos que corresponden a unha idea de conxunto máis que a da comisión de goberno.