Friday 22 de November de 2024

A nova Lei de Solo axiliza e simplifica os trámites administrativos mantendo todas as garantías


A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, clausurou hoxe na Coruña a xornada organizada por Aproinco sobre “A nova Lei do Solo e o seu regulamento”

A nova Lei do solo de Galicia ten entre os seus principais obxectivos axilizar e simplificar os trámites administrativos, ao tempo que mantén todas as garantías durante o proceso. Así, do que se trata é de “eliminar a excesiva burocratización” para evitar prexuízos, segundo explicou a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

A responsable autonómica realizou estas declaracións durante a súa intervención na clausura da xornada “A nova Lei do solo e o seu regulamento” que organizou a Asociación provincial de promotores inmobiliarios da Coruña (Aproinco) na cidade herculina.

Ademais destes aspecto, Rivas fixo un percorrido polas diversas vantaxes que introduce o novo texto, que foi concibido como unha resposta “a longo prazo ás necesidades urbanísticas e de protección da paisaxe de Galicia”.

Deste xeito, entre outras novidades, destacou que se crea o Informe único autonómico, o que evitará que os concellos soliciten os informes sectoriais por separado, xa que será a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a que se encargará de recabar esta documentación. Os informes, ademais, deberán emitirse nun prazo máximo de tres meses.

O texto crea tamén dúas novas figuras: o Plan básico autonómico, e os Plan básicos municipais. Estes últimos facilitarán que os concellos de menos de 5.000 habitantes poidan contar cun planeamento de calidade. Con todo, a norma non presta atención só aos núcleos de menor poboación, senón que tamén dota de maior autonomía ás sete grandes cidades, que terán a capacidade de aprobar por si mesmas os seus plans de ordenación, sempre contando co informe preceptivo da Xunta.

Ademais, segundo detallou a secretaria xeral, a nova Lei incorpora tamén dúas importantes apostas: o impulso ao desenvolvemento do rural, a través do aproveitamento do solo rústico sen desprotexelo; e o fomento da rehabilitación, para aproveitar o xa construído, embelecer as cidades e frear a dispersión.

Xa para rematar, Rivas recordou que esta normativa será a primeira Lei do solo de Galicia co seu propio regulamento, redactado polo persoal técnico da Secretaría que elaborou previamente o texto lexislativo. Este regulamento, de carácter integral –xa que inclúe xestión, planeamento e disciplina-, está actualmente na recta final da súa tramitación.