Friday 22 de November de 2024

Arranca o Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes no Fogar, con todas as prazas cubertas


A vindeira semana será a quenda para o das persoas que queiran ser coidadoras en institucións sociais. As clases teóricas, que se imparten no Mesón do Vento, combínanse con prácticas en empresas e centros

O curso de atención sociosanitaria para persoas dependentes no fogar deu comezo hoxe no Mesón do Vento, na aula especialmente adaptada para este tipo de iniciativas formativas. Nel participan un total de 15 alumnas, cubríndose todas as prazas ofertadas. Cun total de 628 horas, a formación teórica complementarase con 120 horas de prácticas en empresas e residencias. Unha vez obtido o título permitiralles aos seus titulares traballar como auxiliar de axuda a domicilio, asistente de atención domiciliaria ou ao coidado de persoas maiores, convalecentes ou cunha discapacidade.

Xa de cara á vindeira semana tamén dará comezo o curso de atención sociosanitaria para persoas dependentes en institucións sociais, cunha duración de 478 horas. Unha formación que permitirá a quen a acade traballar ao coidado de persoas cunha discapacidade física, psíquica ou sensorial e persoas dependentes, ou como xerocultores en centros de día ou privados.

Ambos os cursos inclúen dereito a certificado de profesionalidade de nivel 2 e prácticas en empresas, sendo imprescindible para acceder a eles estar en posesión da ESO, competencias clave nivel 2 ou equivalentes.