Friday 22 de November de 2024

Ferreira honra ao San Cristovo esta fin de semana


Acabamos de pechar unha fin de semana de non parar -cun agradecido descanso no luns de festivo local- e xa temos que ir preparándonos para a troula da fin de semana que vén en Ferreira. Alí celebran o sábado e o domingo o San Cristovo, unha das romarías con máis afluencia do concello e con máis tradición de merendadas. Os carteis levan tan só uns días postos e por eles sabemos que o sábado teremos as orquestras Supremos e Nueva Fuerza mentres que o domingo subirá ao palco a orquestra Venezia, tanto na función como na verbena da noite.

A festa celébrase ao pé da capela onde se garda unha talla en madeira policromada do santo patrón de quen viaxa por calquera medio. O día propio é o 10 de xullo, aínda que en Ferreira a festa sempre se pon no segundo domingo deste mes, cadre o día que cadre. O desta parroquia non é o único San Cristovo que hai no concello, xa que tamén temos outra imaxe e outra capela no lugar da Portela, en San Sadurniño, aínda que nese caso a festa adoita quedar para a última fin de semana de agosto.

En calquera caso, agora do que toca falar é deste San Cristovo, o de Ferreira de Arriba (en Ferreira de Abaixo honran ao San Paio) e do que ten organizado a comisión. Como é de lei, o sábado iniciarase cos foguetes da alborada a xeito de despertador para veciñanza e aviso a colindantes de que si, que hai festa en Ferreira. Ao mediodía, sobre as 13 ou 13.30h. celebrarase a misa xusto antes de darlle paso á sesión vermú coa orquestra Supremos, que repetirá pases pola noite na compaña de Nueva Fuerza.

O domingo repetiranse as alboradas e volverá haber misa, aínda que algo máis tarde. E é que o crego que atende a parroquia ten tamén comuñóns en Naraío e xa anunciou nas distintas liturxias da fin de semana pasada que posiblemente a misa en Ferreira de Arriba tivese que celebrarse pasadas as 14.00h. Como queira que sexa máis cedo ou máis tarde o domingo tamén teremos sesión vermú animada pola orquestra Venezia. Un nome que non figura nos carteis anunciadores posto que aínda se coñeceu este luns, habida conta do encaixe de bolillos que deben facer as comisións entre o que queren traer e o que poden traer de acordo co seu presuposto e a dispoñibilidade de datas das orquestras. Venezia, que actuou hai uns días en Boiro e en Melide, parará o sábado na Pastoriza e o domingo en Ferreira para amenizar tamén a verbena da noite. O resto do mes xa o teñen pechado en Frades, Curtis, Antas de Ulla, Petín e León.