O colectivo Con suma Conciencia ten entre os seus obxectivos dar a coñecer xeitos de vida alternativos comprometidos co ambiente e co desenvolvemento persoal a través da creatividade. Exemplo disto son os dous talleres que organiza a asociación durante o mes de xullo. O primeiro deles, previsto para o 16 de xullo, mostraranos como converter anacos de vidro en vistosos obxectos decorativos -pantallas de lámpadas, vidreiras, etc.- nos que se xuntan cores rechamantes, formas irregulares e os efectos da luz ao pasar a través delas. A segunda proposta, organizada para o sábado 23, será unha combinación de ruta pola natureza e obradoiro no que as persoas participantes descubrirán algunhas plantas coas que poder protexer de pragas os seus xardíns e hortas. Para inscribirse nestas actividades pode chamarse aos teléfonos da asociación: 650 651 436, 619 933 819 e 649 929 917.
O obradoiro sobre vidro será máis ben unha sesión demostrativa sobre a técnica Tiffany ideada nos Estados Unidos a mediados do século XIX. Consiste en pintar anacos de vidro que despois van ao forno para fixar a cor. O resultado é unha materia prima que despois se corta en pezas máis pequenas para elaborar a partir delas vidreiras policromadas, lámpadas, marcos de espellos e todo tipo de obxectos decorativos translúcidos.
A sesión impartiraa Agustina Motas o sábado 16 entre as 11.30 e as 13.30h. Motas é unha experta na técnica que explicará o proceso de corte e pulido das pezas xa tintadas e o xeito en que se deben encintar e soldar para crear auténticas obras de arte. O prezo da actividade é de 5 euros para persoas socias de Con suma Conciencia e de 15 euros para quen non forme parte da entidade. A intención da asociación é facer á volta do verán un obradoiro máis amplo -unhas 16 horas- sempre e cando exista un número mínimo de persoas interesadas nesta disciplina.