Friday 22 de November de 2024

O Club Béisbol e Sófbol Cambre proclámase Subcampión de España sub19


O equipo Cambrés converteuse na revelación do campionato, chegando ata a ansiada final

A pasada semana celebrouse en Cataluña o Campionato de España de Sófbol feminino sub19, ao cal se presentou o Club Béisbol e Sófbol Cambre. O equipo Cambrés converteuse na revelación do campionato, chegando ata a ansiada final. O equipo de casa, o Club de Béisbol e Sófbol Sant Boi, foi o único equipo que logrou dobregar ás cambresas no torneo, gañando a final e obtendo o título de Campión da categoría. Moitas das xogadoras que participaron no torneo xogan na liga Nacional de Sófbol de División de Honra.

A organización preparou un gran escenario onde as xogadoras antes dos partidos foron presentadas ao público tal como faise nos partidos profesionais de América, algo novo para as galegas.

O club cambrés que dispón de baixos recursos comparado cos demais equipos do campionato, e que non compite nunha liga nacional, sen ter un campo propio para adestrar nin moito menos un campo de Sófbol onde poder xogar, tamén provocou a admiración de moitos afeccionados a este deporte a nivel nacional.

No grupo de xogadoras de Cambre, tres delas foron preseleccionadas para representar a España no Europeo sub19 de Sófbol que se celebrará tamén en Barcelona en agosto próximo. Son as lanzadoras Sarayd Ramil que xa foi preseleccionada noutras ocasións, Laura Otero que xa participou o ano pasado coa selección española cadete no europeo sub16 celebrado en Italia e a receptora Sara Criado que neste campionato converteuse na líder do equipo, dirixindo ás lanzadoras maxistralmente, mostrando unha gran defensa detrás do “prato” e evitando que as corredoras contrarias collan unha base extra.

O resto de xogadoras son: Lucia Lestayo, campo curto, seleccionada para o europeo sub16 de Italia 2015; Irene Vila, segunda base; Fatima Nuñez, xogadora lucense que xoga de terceira base; Alba Piñeiro, tamén de Lugo, Exterior Central; Adelaida Soengas, Exterior Esquerda; Natalia Ramos, Exterior dereita e receptora; Agostiña Panizza, Exterior Dereita; e as máis novatas pero cunha gran proxección, Marta Mosquera e Sofía Ríos.