Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a importancia da formación continuada dos xuíces e maxistrados para garantir unha xustiza máis eficaz, moderna e adaptada aos tempos actuais


Alfonso Rueda inaugurou a Escola de Verán do Poder Xudicial, que este ano estará centrada na problemática da organización xudicial e na situación que desexan os xuíces españois

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta coa formación dos membros do Poder Xudicial na importante función que desempeñan e incidiu tamén na importancia de ofrecer a mellor formación a xuíces e maxistrados como garantía dunha xustiza máis eficaz, que redunda directamente en beneficio dos cidadáns.

Alfonso Rueda participou hoxe no acto de apertura da Escola de Verán do Poder Xudicial, no concello coruñés de Bergondo, xunto ao co presidente do Tribunal Supremo e do CXPX, Carlos Lesmes, e co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, onde indicou que esta Escola de Verán contribúe a fomentar a reflexión, o análise e a formación dos que na súa labor diaria teñen coma misión, non só aplicar a lei senón tamén garantir a defensa ante os cidadáns.

Rueda indicou que o goberno galego é plenamente consciente de que a Administración de Xustiza non pode quedar á marxe dos cambios que se están producindo en todos os ámbitos da sociedade, polo que no marco das competencias da comunidade autónoma estanse sentando as bases dunha Administración de Xustiza moderna e eficaz, incluso incrementando paulatinamente os investimentos, e como responsables da dotación material dos xulgados, estase a levar a cabo medidas en dous grandes eixos buscando a modernización da Administración de Xustiza, como son as sedes xudiciais e as novas tecnoloxías.

Ademais, no ámbito da modernización da Xustiza, o goberno galego puxo en marcha un plan de introdución das novas tecnoloxías, o Plan Senda, unha aposta polo expediente xudicial electrónico, a sede xudicial electrónica, a interoperabilidade de sistemas e a dotación de medios informáticos nos nosos xulgados.

No marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, a Xunta leva investidos máis de 70 millóns de euros, estando previsto que finais deste ano estean rematadas ou xa en execución todas as grandes obras previstas, como a completa renovación do inmoble dos xulgados de Ferrol; rematarase na Coruña as obras para converter a Fábrica de Tabacos en cidade da Xustiza; en Pontevedra xa están adxudicadas e firmado o contrato para comezar as obras; e en Vigo está xa en marcha un concurso de ideas para definir o antigo Hospital Xeral como nova Cidade da Xustiza.