Saturday 16 de November de 2024

Feijóo cree que Galicia está aproveitando a declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade para atraer cada vez máis peregrinos


Reivindica o Camiño como resposta ante as dúbidas que poidan xurdir arredor do proxecto europeo, a posibilidade de manter un contexto pacífico no mundo ou a propia crise económica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a nosa Comunidade está aproveitando a declaración dos Camiños do Norte e Primitivo como Patrimonio da Humanidade para atraer cada vez máis turistas e dotar a estas rutas de máis servizos á disposición dos peregrinos.

Tamén resaltou que detrás da distinción lograda fai un ano para os Camiños Primitivo e do Norte non hai só un recoñecemento internacional, senón tamén un impulso a unha das nosas principais actividades económicas.

A este respecto, indicou que se trata ante todo dunha “responsabilidade adquirida co mundo” que nos converte en gardiáns dun símbolo, o Camiño, que transcende ao noso territorio e tempo, e que temos a obriga de preservar. E sinalou que os galegos albergamos no noso territorio un símbolo capaz de transmitirlle á humanidade o seu ben máis prezado, a esperanza.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego tamén lembrou que antes de que se consolidara o fenómeno da globalización ou as institucións europeas, o Camiño xa era un símbolo de diálogo.“As rutas xacobeas sempre foron un bastón para soster principios básicos da humanidade”, engadiu, ao tempo que apelou ao Camiño como resposta ante as dúbidas que podan xurdir arredor do proxecto europeo, a posibilidade de manter un contexto pacífico no mundo ou a propia crise económica.

Datos do sector turístico
Finalmente, o mandatario galego quixo destacar as boas cifras acadadas no sector turístico que, segundo apuntou, responden en boa medida á acción colectiva, presidida polo Plan Director do Camiño, que está permitindo dotar a estas rutas dun maior coñecemento e atractivo turístico. Pero tamén ao reforzo da oferta de albergues e á dotación de máis servizos ao alcance dos peregrinos, a través do Plan de dotación de cabinas para os alugueiros e a conexión wifi.
Así o ano pasado ano, percorreron o Camiño Primitivo 11.428 peregrinos, un 38% máis que no mesmo período do ano anterior. Mentres que preto de 15.900 persoas optaron polo Camiño do Norte. Unhas cifras, -dixo- que se están a consolidar no 2016. No que vai de ano 4.000 peregrinos recorreron o Camiño Primitivo e 5.000 o Camiño do Norte.