Saturday 16 de November de 2024

A Xunta vén de rematar as obras de clausura dos primeiros puntos de vertido incontrolado da campaña de 2016


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destina máis de 1,3 millóns de euros á erradicación de puntos de vertido incontrolado en case 30 concellos galegos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar as primeiras actuacións para a eliminación de puntos de vertido incontrolado. Así, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental concluíu recentemente os traballos nos concello de Oia, Crecente e Campo Lameiro, que suporán unha mellora ambiental significativa na zona, ao ser recuperada e integrada na paisaxe

Na actualidade, os traballos de erradicación deste puntos avanzan nos municipios de Rairiz de Veiga, Laza, Cualedro, Monterrei, Os Blancos, Rodeiro e Forcarei.

Os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de moi distinta natureza, co prexuízo que isto ocasiona no entorno, tanto dende o punto de vista ambiental como estético. É habitual atopar entre os residuos inventariados obxectos domiciliarios, pequenas obras de edificación e de urbanización, como vidrio, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

O obxectivo desta campaña é evitar a vertedura incontrolada de residuos, ao tempo que se reducen os potenciais riscos para a saúde pública, a paisaxe e o medio ambiente. Ademais, estas actuacións permiten rexenerar a zona afectada, de xeito que quede integrada de novo no medio e na contorna para beneficio dos cidadáns.

Deste xeito, contribúese á protección dos recursos naturais e dos espazos de interese ambiental de Galicia, mediante actuacións destinadas á recuperación, restauración, adecuación e limpeza dos puntos de vertido incontrolado, en especial dos que poidan afectar aos espazos naturais protexidos da Rede Natura.

Perséguese, por unha banda, reverter a degradación ambiental ocasionada polos vertidos incontrolados (asegurando a conservación da biodiversidade da Comunidade Autónoma de Galicia) e, por outra, promover a correcta xestión dos residuos, mediante a súa reciclaxe e tratamento para a súa conversión nun novo recurso.

A campaña posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para este ano implica un investimento de mais de 1,3 millóns de euros e executarase ata o mes de decembro.

A planificación inicial dos concellos nos que se actuará ao longo deste ano é a seguinte:

o A Coruña: Boqueixón
o Ourense: Rairiz de Veiga, Laza, Cualedro , Monterrei, Os Blancos, Bande, Lobeira, Muíños, Entrimo, Maside, Castrelo de Miño, Vilar de Santos e O Bolo.
o Pontevedra: Oia, Rodeiro, Campo Lameiro, Forcarei, Crecente, Covelo, Marín, Vila de Cruces, Sanxenxo, Caldas de Reis, Cambados, Lalín, Pontecaldelas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.

Por último, cómpre engadir que este tipo de actuacións forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outras iniciativas como a construción de novos puntos limpos e a eliminación de vertedoiros municipais. O obxectivo destes programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos (prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación).