Numerosas persoas acudiron ao Centro Cultural Lustres Rivas para asistir ao acto de inauguración da nova exposición “A Galicia Máxica” froito da colaboración entre o escultor rianxeiro Nuco Losada e o pintor ferrolán afincado en Aguiño Paco Casal.
José Romero, mítico gaiteiro de Os Rosales de Asados, e a súa muller María (ou Eclíptica Órbita, o seu verdadeiro nome) foron os encargados de abrir e pechar un acto que contou coas intervencións de Manuel Cartea (quen afondou nas cualidades artísticas dos dous protagonistas da mostra), a concelleira de Cultura Fabiola García e os dous creadores.
Entre os asistentes, numerosos artistas da bisbarra, como Manuel Ayaso, Alfonso Costa, Antonio Pérez, Xoán Fernández ou Maralla, ademais de persoeiros como o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.
A exposición está composta por case 50 obras: 18 esculturas de Nuco Losada e 31 pinturas de Paco Casal que profundizan en lentas, contos e verdades relacionadas coa nosa terra: a Santa Compaña, as meigas, os trasnos, as pantasmas, o universo literario de Rosalía de Castro e Ánxel Fole ou a mitoloxía celta impregnan esta proposta conxunta que poderá ser visitada ata o 30 de xullo, de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 18.30 a 21.30 horas.