Friday 22 de November de 2024

A Xunta reforza a súa achega para a atención das necesidades socio asistenciais dos emigrantes galegos que residen no “Fogar Galego para Anciáns” de Domselaar


Rey Varela e Rodríguez Miranda asinan na entidade un acordo de colaboración dotado con 50.000 euros, que se destinan a manter e mellorar a calidade de vida dos galegos e os seus descendentes que residen neste fogar

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o responsable da Secretaría Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinaron un convenio de colaboración co “Hogar Gallego para Ancianos” de Domselaar -na provincia de Bos Aires- entidade que ten entre as súas actividades primordiais a prestación de atención social aos emigrantes galegos e aos seus descendentes residentes en Arxentina, en especial na súa capital e municipalidades limítrofes. O importe total do acordo ascende a 50.000 euros, dos cales Política Social achega 20.000 e a Secretaría Xeral de Emigración os 30.000 restantes.

O obxectivo deste protocolo de colaboración é contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das persoas de orixe galego e os seus descendentes ata o segundo grao, con nacionalidade española e residentes na República Arxentina, e que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia residan neste centro. Así, en virtude deste convenio, o Hogar Gallego de Ancianos comprométese a proporcionar aos residentes galegos nas súas instalacións prestacións de atención residencial, realizar actuacións en prevención sanitaria e proporcionar medicamentos e outro material xeriátrico en caso de necesidade.

Este fogar é un dos centros galegos de maior importancia na Arxentina, tanto polo número de persoas que acolle como pola importancia dos programas de todo tipo que realiza a favor das persoas maiores de orixe galega que residen na contorna de Bos Aires. Conta cunha residencia de anciáns cunha capacidade para cen residentes na que se acolle a emigrantes ou descendentes, especialmente procedentes de Galicia, xa que máis do 80% dos usuarios son galegos.

Segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Exterior do Instituto Nacional de Estatística, a 1 de xaneiro de 2016 residían na República Arxentina un total de 170.645 galegas e galegos, dos que 126.409 xa naceron na diáspora (o 74’07 por cento do total).

Benestar dentro e fóra
Na súa intervención, Rey Varela sinalou que “o benestar dos galegos que están vivindo no exterior sempre é unha preocupación para o Goberno de Galicia”. Neste sentido, lembrou que no XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas que tivo lugar os días 26 e 27 de maio na Habana (Cuba) debateuse, entre outros asuntos, sobre sobre políticas sociais e asistenciais, e se determinou a necesidade de continuar promovendo, potenciar e reforzar a concesión de axudas para os centros que atenden e prestan apoio ao colectivo de emigrantes.

Así mesmo, encomiou o labor desta entidade dende a súa creación no ano 1943; e apuntou que “Galicia e Arxentina sempre mantiveron ao longo da historia unha profunda, estreita e permanente relación; e este acordo de colaboración quere ser tamén un reflexo desta amizade”, concluíu.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración salientou a solidariedade como un dos eixos fundamentais da acción das comunidades galegas no Exterior desde o comezo da súa existencia. “Poucos pobos no mundo poden presumir da cantidade e calidade de institucións de axuda e mutuais que as e os galegos da diáspora fundaron para axudar aos seus paisanos en situación máis desfavorecida. A solidariedade ben entendida é un sinal inequívoco e identificador do emigrante galego, e boa proba é este Fogar”, lembrou Rodríguez Miranda.

Institución senlleira
O “Hogar Gallego para Ancianos” de Domselaar creouse na década dos 40 do século pasado co obxectivo de contar cun espazo para o recollemento e amparo dos maiores desprotexidos. O fogar comezou sendo un lugar humilde con escasas habitacións, pero arestora conta cunha capacidade para cen maiores, onde se lles proporciona unha asistencia completa que comprende aloxamento, atención médica, enfermería, alimentación variada controlada por nutricionista, sala de quinesioloxía, asistencia odontolóxica, perruquería e podoloxía, entre outros servizos. Ademais, a residencia ocupa unha extensión de 35 hectáreas, onde os residentes dispoñen de espazos arborados, hortas e xardíns para o seu coidado e desenvolvemento persoal.