No informe do ano 2015 que este ano entregou ao Parlamento, a Valedora subliña que as medidas do Executivo autonómico son máis ambiciosas que as doutras comunidades autónomas
A Valedora do Pobo valora no seu informe anual o “ambicioso” programa de medidas da Xunta de Galicia para evitar os desafiuzamentos de vivendas ou paliar as consecuencias dos mesmos. No informe correspondente ao ano 2015 que esta semana entregou ao Parlamento galego afirma que “o paquete de medidas implementado é significativamente máis ambicioso que as adoptadas por outras comunidades autónomas”.
No seu informe, a Valedora detalla algunha das 10 medidas que ten tomado o Goberno galego entre os anos 2012 e 2015, pero que, grazas ás dúas postas en marcha no ano 2016, son xa 12.
A Valedora fai especial mención ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a propia institución, que ten como obxectivo principal canalizar cara a axuda que pode prestar a Administración autonómica os casos de especial vulnerabilidade en relación coa vivenda.
Malia esa positiva cualificación, o Goberno galego continúa a traballar en novas medidas e na ampliación das xa existentes, co obxectivo de continuar garantindo que calquera familia que perda a súa vivenda pola imposibilidade de facer fronte ao pago da hipoteca ou do aluguer reciba unha axuda da administración autonómica.
Desta maneira, no que vai de 2016 puxéronse en marcha novas medidas, como o Programa de Vivendas Baleiras e o Censo de Vivendas Baleiras e asinouse un convenio co Consello da Avogacía Galega.
12 medidas
1. Dación en pago das vivendas protexidas. A Lei 8/202, de 29 de xuño, de Vivenda de Galicia, establece medidas para evitar os desafiuzamentos nas vivendas de promoción pública e permitir a dación en pago nas vivendas protexidas.
2. Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias. A través deste programa, a Xunta ofrece un domicilio alternativo a todas as persoas que perdan a súa única vivenda a través dun procedemento de execución hipotecaria e que acrediten ter uns ingresos ponderados inferiores a 2,5 veces o IPREM.
Os beneficiarios serán realoxados en vivendas propiedade da Consellería de Infraestruturas ou en inmobles cedidos á Xunta pola Sareb ou outras entidades financeiras que colaboran coa Administración autonómica na loita contra os desafiuzamentos.
3. Aprazamento xudicial dos desafiuzamentos. A través do acordo co Consello Xeral do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios, existe un protocolo de actuación conxunta para detectar os casos de especial vulnerabilidade en procedementos de lanzamento de vivenda familiar para adoptar medidas de carácter social e de realoxo que eviten os efectos da perda de vivenda.
Os afectados por este tipo de procedemento xudicial poden presentarse co convenio no xulgado co obxectivo de poder acollerse aos seus beneficios, que inclúen a posibilidade de suspensión temporal do lanzamento ata acadar unha alternativa de vivenda.
4. Programa Reconduce, un servizo de carácter preventivo para dar apoio integral ás persoas e familias en risco de desafiuzamento.
5. Plan RehaVIta, para facilitar o acceso á vivenda dos máis necesitados. O primeiro Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015 – 2020 recolle un completo conxunto de medidas destinadas a facilitar o acceso a un fogar aos que necesitan apoio.
6. Vivendas da Sareb ao servizo das necesidades sociais. Esta entidade financeira comprometeuse coa Xunta a ceder inmobles da súa propiedade para destinalas a persoas en dificultades a través de alugueiros sociais, concedendo prioridade aos afectados por procesos de desafiuzamento. O importe máximo que pagan as persoas ás que se adxudican estas vivendas é de 125 euros aos mes.
7. Acordo co Valedor do Pobo para atención dos problemas en materia de vivenda. O acordo entre a Xunta e esta institución facilita a canalización directa das dificultades relacionadas coa vivenda das persoas vulnerables para que a súa situación sexa avaliada e atendida de forma inmediata polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.
8. Bancos comprometidos coa Xunta a non realizar desafiuzamentos. O Goberno galego impulsou un acordo polo que as entidades de crédito se comprometen a non desaloxar das súas vivendas a clientes afectados por procesos de execución hipotecaria, permitíndolles permanecer nas mesmas en réxime de alugueiro social cunha renda máxima de 75 euros ao mes. Ademais, estes bancos ceden vivendas baleiras da súa propiedade para destinar a familias con dificultades a cambio dun alugueiro social cun importe máximo de 125 euros ao mes.
Este convenio foi subscrito ata o de agora por Abanca, Caixa Rural Galega e Banco Sabadell.
9. Bono de Alugueiro Social, que facilita apoio urxente a familias en risco de seren desaloxadas da súa casa por non poder pagar a renda. Pode concederse tamén a vítimas de violencia de xénero, a beneficiarios do Aluga que cumpran as condicións establecidas e a quen se vira privado da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta a causa dunha circunstancia imprevisible sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.
O Bono é de ata 200 euros mensuais durante un máximo de 24 meses, e inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte a pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.
10. Censo de Vivendas Baleiras, no que as entidades de crédito deberán rexistrar os seus inmobles desocupados en concellos de máis de 10.000 habitantes, co obxecto de poñer en marcha medidas que faciliten a súa ocupación por parte de familias necesitadas. A petición dos propietarios das vivendas poderán inscribirse no censo, con carácter voluntario, o resto das vivendas non están obrigadas a inscribirse.
11. Asesoramento xurídico gratuíto aos afectados por procesos de desafiuzamento, O Consello da Avogacía Galega asinou un convenio coa Xunta para orientar aos cidadáns sen recursos afectados por este tipo de situación co obxectivo prioritario de evitar unha solución previa ao xuízo. O asesoramento prestarase nas dependencias dos sete colexios de avogados de Galicia.
12. Programa de vivendas baleiras para alugueiro social, posto en marcha en colaboración cos concellos para dispor dun maior número de vivendas destinadas a cubrir as necesidades sociais nesta materia. Os concellos adheridos aos programas poderán mobilizar inmobles desocupados para destinar a alugueiro a prezo taxado para persoas e familias en situación de dificultade de acceso á vivenda.
A Xunta de Galicia achega a esas vivendas un seguro mutirrisco de fogar e outro de garantía de cobros para os propietarios que inclúe asistencia xurídica.