Friday 22 de November de 2024

Ordes celebrará a tradicional misa e ofrenda floral na honra ao ‘Soldado Lois’ o vindeiro sábado, día de Todos os Santos


 

Será ás 12 horas no cemiterio do Piñeiro e contarase coa presenza da Infantería da Mariña do Terzo Norte do Arsenal de Ferrol entre outros

Este sábado 1 de novembro, día de Todos os Santos, o Concello de Ordes celebrará a tradicional misa e ofrenda floral ante a tumba de Manuel Lois García, coñecido popularmente como o ‘Soldado Lois’. Como é habitual a cita será ás 12 horas no cemiterio municipal do Piñeiro, lugar onde repousan os restos deste símbolo local. Manuel Regos, alcalde de Ordes, anima a todos os veciños e veciñas a participar nestes actos “cos que queremos render unha merecida homenaxe a este home que entregou a súa vida para salvar a dos seus compañeiros e que supón un orgullo para todas e todos nós”.

Este ano o Concello conta coa colaboración da Infantería da Mariña do Terzo Norte do Arsenal de Ferrol, cuxa banda de música amenizará o acto un ano máis. Como novidade por primeira vez acudirá Alejandro Ferreira, recentemente nomeado coronel comandante. Tamén se contará coa asistencia de representantes doutros corpos como son a Garda Civil de Ordes, a Comandancia da Garda Civil da Compañía de Santiago de Compostela, Policía Local de Ordes, alcaldes doutros concellos da Mancomunidade, así como concelleiros da corporación local e os membros do equipo de goberno de Ordes.
.

Historia do Soldado Lois

Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4.

Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacante, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”.

Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermaría do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.