Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño busca a implicación do tecido social no desenvolvemento do proxecto europeo ECMYNN


Unha decena de entidades veciñais, culturais e deportivas do municipio reuníronse este xoves á tarde convocadas polo Concello para coñeceren máis en detalle o proxecto europeo ECMYNN e ver a maneira en que poden colaborar no seu desenvolvemento. Trátase dunha iniciativa transnacional enmarcada no ERASMUS+ na que participan entidades de Romanía, Polonia, Italia e Grecia. O seu obxectivo é elaborar estratexias que permitan conectar de forma máis precisa coa mocidade menor de 30 anos de cara a axudarlle na súa incorporación ao mercado laboral ou na mellora da súa formación nun contexto “de paro galopante”, tal e como se dixo na xuntanza. Os departamentos de Orientación laboral e Desenvolvemento local solicitaron a axuda do tecido social do concello coa achega de ideas e, sobre todo, coa implicación de xente nova do seu entorno na fase final do proxecto que se inicia agora e que conta estar lista para a presentación de resultados a primeiros do ano que vén.

ECMYNN é o acrónimo en inglés de Enhancing Competences to Meet Young Neet’s Needs que, traducido, significa “Mellorando as Competencias para Conectar coas Necesidades da Mocidade que nin estuda nin traballa”. O proxecto financiado integramente pola Unión Europea a través do ERASMUS+ iniciouse en maio de 2015 e finalizará en 2017. Nel cooperan entidades públicas -o municipio italiano de San Giovanni Teatino e o Concello de San Sadurniño- xunto con outras relacionadas co Terceiro Sector e a acción social, como é o caso da tamén italiana Lynx Territorio sociale, Cáritas Gdansk (Polonia), a asociación romanesa ASCETIS e o Atom Lifelong Centre de Grecia.

Desde o ano pasado en que se iniciou o proxecto avanzouse na definición da metodoloxía de traballo e na posta en común de boas prácticas existentes nos distintos países ao respecto do traballo coa mocidade que nin estuda nin traballa por distintas razóns: por falla de oportunidades, por carecer de formación, por circunstancias persoais ou do contorno ou mesmo por falla de interese en incorporarse ao mercado laboral ou por mellorar as súas competencias de cara ao futuro. O sociólogo Ismael Blanco, que titorizará as últimas fases do ECMYNN en San Sadurniño, sinalou durante a xuntanza coas entidades do territorio que “non se trata dun colectivo, senón que hai moitas realidades”.

E é que o ámbito de traballo do proxecto manexa idades entre os 16 e os 29 anos que, na práctica, “son varias xeracións” con características e intereses distintos que cómpre detectar. E aí é onde entran en xogo as asociacións como mediadoras de cara a “romper a barreira invisible” que separa á mocidade das administracións. A idea é que as entidades boten unha man con ideas e facendo un labor de dinamización para que a xente nova que se preste a participar nunha serie de encontros de traballo nos que poñan enriba da mesa cales son as súas necesidades de todo tipo: formativas, de lecer, laborais, etc.

O centro de referenza para as xuntanzas será a Casa da Xuventude, de cara a fomentar que as súas instalacións vaian converténdose tamén en referenza como espazo da mocidade. Porén, a fase de investigación social non desbota acudir a outros foros de encontro xuvenil, como son as actividades programadas durante o verán polo Concello ou as propias asociacións. De feito, a recollida de información non estará limitada unicamente á xente nova de San Sadurniño, senón tamén á xuventude que teña algún vínculo co municipio ou incluso á que pase dos 30 anos posto que, tal e como precisou Blanco, a definición de mocidade atinxe tamén a estilos de vida -e problemáticas- “que nos últimos tempos se ampliaron ata os 35 ou máis anos”.

O cronograma que manexa o Concello marca que durante este mes de xullo e tamén durante o de setembro se desenvolvan xuntanzas de coordinación coas distintas entidades asociativas do municipio e tamén co centro de ensino. Entre setembro e outubro levaranse adiante o maior número de encontros coa mocidade e en novembro porase en orde a información recabada para elaborar as propostas de actuación, que se presentarán a primeiros de ano en San Sadurniño e despois en Romanía no último evento transnacional do ECMYNN como parte dos resultados obtidos conxuntamente co resto de entidades europeas implicadas no proxecto.

O obxectivo último do ECMYNN é definir unha guía de boas prácticas con resultados contrastados da que poidan botar man entidades de toda Europa que traballen no ámbito da mocidade e que lles permitan conectar mellor cos seus intereses e necesidades, especialmente no referido a traballo e formación. “Trátase de facer algo útil, e non só para San Sadurniño. Buscamos que as políticas públicas para esas idades non as deseñen persoas que non teñen esas idades, senón a xente nova.”