Mañá de festa, algún que outro choro -infantil e adulto- e moitos, moitísimos flashes e móbiles gravando. Falamos da despedida de curso da escola infantil municipal A Rolada celebrada hoxe na Casa da Cultura, á que asistiron a totalidade do alumnado e tamén papás, mamás, avós e avoas, irmáns e irmás ata encheren un auditorio no que, ademais, a rapazada do último ano recibiu o seu “título” de graduación. Breogán, Daniela, Iker, Fernando, Alicia, Elisa, Paula… e así ata 16 nomes que en setembro comezarán o “cole de maiores”.
A escola infantil tivo neste curso un total de 23 nenas e nenos matriculados, 7 na unidade agrupada de 0 a 2 anos e 16 na de 2 a 3. Todos eles e elas, mesmo as criaturas máis pequenas, actuaron perante un público expectante que encheu megas e megas de memoria nos seus móbiles e cámaras fotográficas.
O equipo de Bolboreta -a empresa que xestiona este servizo de titulariedade pública- botou semanas preparando unha festa de fin de curso chea de música e baile, pero tamén de momentos emotivos de despedida dos nenos e nenas que marchan e dos pais e nais que colaboraron co proxecto educativo do centro desde a súa apertura. A directora da escola, Ita Ramudo, agradeceulles “a confianza depositada” no seu equipo para educar e coidar da rapazada nos momentos iniciais da súa vida e pediulles que, malia rematar a súa estadía na escola, “pasen visitarnos algún día”.
Tralas exhibicións artísticas das crianzas chegou o momento solemne da mañá coa entrega dos títulos de graduación ao alumnado de último ano. A cativería, ataviada cun birrete de cartoliña cunha borla de lá, agardou coa compostura esixida polo momento que a directora do centro fose chamando un por un a cada alumno e alumna. As distincións entregáronas o alcalde, Secundino García, e o concelleiro de Servizos Sociais, Suso Soto.
O acto rematou cunha breve intervención de Mónica Cribeiro en representación da ANPA do centro, quen lle agradeceu ás mestras o seu labor entregándolles cadanseu ramo de flores.
A escola dispón de prazas para o curso que vén
De cara ao curso 2016-2017 o Concello rexistrou un total de 22 matrículas, 9 na unidade de 1 a 2 anos e 13 na de 2 a 3. O centro -cunha capacidade para 38 nenos e nenas- ten, polo tanto, oito prazas libres na unidade inicial (0-1 ano), catro na unidade de 1 a 2 anos e outras catro vacantes na de 2 a 3. O centro reserva sen cubrir un 5% das prazas para casos de urxencia social que cumpra atender ao longo do curso.