A Deputación da Coruña convocou para este ano unha liña de axudas destinada aos municipios da provincia de cara a que poidan contratar persoal temporalmente denominada Plan de Integración Laboral. A San Sadurniño correspondéronlle 28.000 euros que servirán para contratar unha persoa que conduza o camión e os tractores municipais, outra que faga traballos de albanelaría e dúas máis que lle dean apoio aos servizos municipais. Agás no caso da condutora ou condutor, o resto dos contratos serán a tempo parcial.
O proxecto co que San Sadurniño se presentou ao PIL da Deputación da Coruña contempla incorporar unha persoa para conducir o camión do lixo e os tractores municipais durante un período de 6 meses a tempo completo, un perfil especializado en albanelaría para facer pequenas obras de mantemento -4 meses, 25 horas á semana- e dúas persoas máis para o departamento de Obras que lles darían apoio e que contarían cun contrato a tempo parcial durante 5 meses e 27,5 horas á semana.
Este equipo, que vén darlle apoio ao persoal laboral fixo do Concello, tamén estaría coordinado coas dúas persoas con discapacidade contratadas hai tan só uns días dentro doutro programa provincial, o de medio ambiente, que tamén se destinará á substitución da carpintaría exterior da casa consistorial para mellorar a súa eficiencia enerxética.
Para cubrir os postos do Plan de Integración Laboral, o Concello aprobou este luns as bases que rexerán o proceso, iniciado xa coa solicitude ao Servizo Público de Emprego de Galicia para que faga unha preselección de perfís que se axusten á convocatoria. O Concello segue habitualmente este procedemento cando se trata de contratacións temporais con cargo a programas doutras administracións, por iso é moi recomendable que as persoas paradas estean inscritas como demandantes de emprego nas bases de datos deste servizo público dependente da Xunta e que, ademais, teñan sempre actualizado o seu currículum.
Un tribunal formado por tres membros do cadro de persoal do Concello será quen faga a selección das persoas aspirantes enviadas polo SPEG mediante unha valoración de méritos, a avaliación obxectiva de circunstancias persoais acreditadas -tempo no paro, non dispor de prestacións, ser maior de 45 anos, etc.- e cunha entrevista persoal.