Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca a súa aposta pola mediación como mecanismo de resolución de conflitos


O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda participou na clausura do Congreso de Mediación Intraxudicial, xunto o presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou a aposta do goberno galego pola mediación como mecanismo de resolución de conflitos, no acto da clausura do Congreso de Mediación Intraxudicial, onde tamén asistiron o presidente da Audiencia Nacional, José Ramón Navarro e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas.

O goberno galego é consciente dos beneficios da mediación e polo tanto implícase na difusión da mediación intraxudicial e a súa posta a disposición dos cidadáns en todo o territorio galego, como as experiencias pioneiras de mediación que están xa funcionando, como foi o proxecto piloto de mediación familiar, que se levou a cabo en Santiago e que logo estendeuse a Ourense, Vigo, Pontevedra, Lugo, A Coruña, e que este ano implantarase en Ferrol; ademais dos proxectos pilotos de mediación no ámbito penal, en Ourense e A Coruña.

Contribuír a redución da saturación dos órganos xudiciais é unha das vantaxes que máis se cita na mediación, sen esquecer a especial importancia da mediación familiar, un proceso menos traumático, baseado no diálogo e no consenso, cuestión que é relevante, sobre todo cando nestes casos están involucrados menores de idade.

Rueda destacou a colaboración da Xunta de Galicia coa USC, co Consello Xeral do Poder Xudicial e coa Fiscalía, co obxectivo común de difundir a institución da mediación e aplicala na práctica.

No Congreso de Mediación Intraxudicial abordouse a opción mediadora desde distintas perspectivas, todas relevantes e necesarias para unha sociedade máis dialogante, pacífica, cohesionada e, en definitiva, unha sociedade mellor. O Congreso tivo lugar na Agasp onde participaron axentes da Policía Autonómica, da Policía Nacional, da Garda Civil, policías locais, avogados e psicólogos, ademais de profesionais das emerxencias e voluntarios da Protección Civil, entre outros asistentes.