Friday 22 de November de 2024

A Xunta aproba o decreto que permitirá ter unha historia social única electrónica para prestar unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada usuario


Feijóo avanza que o novo sistema comezará a implantarse de xeito progresivo despois do verán e arrincará con máis de 365.000 historias sociais dixitais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto polo que se regula a creación, o uso e o acceso á historia social única electrónica; un documento que permitirá aos profesionais do Sistema galego de servizos sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico.

“Estamos a falar dun documento que supón o primeiro paso para avanzar cara a unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada usuario, máis alá da Administración pública que estea atendendo a ese usuario”, aseverou Feijóo, incidindo en que este sistema é froito dun intenso proceso de diálogo.

Máis polo miúdo, o titular da Xunta subliñou que esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos a historia social do individuo e avanzou que o novo sistema comezará a implantarse de xeito progresivo despois do verán, unha vez aprobado definitivamente o decreto, e arrincará con máis de 365.000 historias sociais dixitais.

Neste contexto, cómpre resaltar tamén que, previamente, se fará unha fase de pilotaxe da historia social única electrónica nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Así, a partir do mes de xullo os traballadores sociais destes municipios terán acceso ao expediente social dos usuarios en formato electrónico; e, este período de probas permitirá abordar posibles axustes de cara ao despregamento progresivo nos concellos galegos.

O responsable autonómico aseverou que con este sistema se evitarán duplicidades e se mellorarán os tempos de resposta. E fixo fincapé en que a historia social única suporá un antes e un despois na xestión das prestacións sociais e, tamén, un antes e un despois na xestión das prestacións sanitarias, “xa que significa –aseverou- crear un sistema integrado de intercambio de información, sentar as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se vaia integrando na historia clínica a través da tarxeta sanitaria, dar mellores respostas na atención e desenvolver políticas de prevención”, aseverou.