Tamén haberá una proba popular e outra de duatlón cadete
O Triatlón Concello de Riveira alcanzará o domingo 10 de xullo a súa cuarta edición e máis de 230 deportistas confirmaron xa a súa participación na cita estrela desta consolidada actividade: o campionato galego de distancia olímpica, cuxo prazo de inscrición pecha aínda o vindeiro 5 de xullo e hai un límite 300 prazas.
Haberá ademais outras dúas citas: a tradicional proba popular (no que os participantes se aproximiran ao medio cento) e, por vez primeira, o campionato galego de duatlón escolar cadete, cuns 60 competidores.
Así se reflectiu durante a presentación do evento na Casa do Concello, que contou coas intervencións do presidente do Club Natación Riveira, Julio Simarro; o director técnico da proba Juan Carlos Brión; e o vicepresidente da Federación Galega de Triatlón, Luís Piña; ademais do alcalde Manuel Ruiz.
Coroso
Unha vez máis, a praia de Coroso erixirase no epicentro das probas. Os competidores na distancia olímpica (que arrancará ás 9.45 horas para as mulleres e 10 minutos máis tarde para os homes) terán que completar 1.500 metros nadando, 40 quilómetros en bicicleta e 10 kilómetros a pé. A proba popular (super-sprint), cuxo inicio está previsto para as 12.30 horas, constará de 300 metros nadando, 10 quilómetros en bicicleta e 2.500 metros a pé. Por último, o duatlón escolar (saída ás 13.15 horas) comprenderá 2.000 metros de carreira a pé, 8 quilómetros en bicicleta e 1.000 metros de carreira a pé.
O circuíto terrestre terá unha estensión de 750 metros, entre a avenida da Paz e a rotonda do Malecón. Juan Carlos Brión resaltou a escasa dificultade técnica do percorrido, sen apenas pendentes, o que fará que as carreiras sexan moi rápidas. As temperaturas anunciadas son moi boas.
Favoritos
Destacouse como favoritos no campionato masculino a Alberto Castiñeiras, un dos referentes galegos, e os mexicanos Crisanto Grajales e Rodrigo González, ambos clasificados para as Olimpiadas de Río. Dos triatletas locais Martín Carrera en sub 23 e Carlos Brión en júnior tamén se espera un papel destacado.
No apartado feminino, citouse a Saleta Castro e Merina Alonso como favoritas.
Manuel Ruiz salientou o esforzo desenvolvido polo Club Natación Riveira por promover este deporte do triatlón que tanto está crecendo no noso municipio.