Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño convoca ás entidades do territorio para implicalas no proxecto europeo ECMYNN


O Concello de San Sadurniño inicia este xoves unha serie de encontros multisectoriais enmarcados dentro da fase de difusión do proxecto Enhancing Competences to Meet Young Neets Needs, no que o municipio participa xunto con entidades de Italia, Polonia, Romanía e Grecia. O ECMYNN, financiado integramente polo ERASMUS+, busca mellorar as competencias daquelas persoas e entidades que traballan na dinamización da mocidade entre os 16 e os 29 anos que nin estuda nin traballa, de cara a promover que retomen a súa formación ou que se integren no mercado laboral.

Para a primeira xuntanza, os departamentos de Orientación Laboral e de Desenvolvemento Local convocaron ás entidades asociativas, culturais e deportivas para as 20.00h. deste xoves no salón de sesións do Concello.

Será un acto de aproximadamente unha hora no que se explicará en detalle o contido deste proxecto transnacional iniciado xa en 2014 e que agora encara a súa recta final, coa recopilación de resultados e a testaxe das propostas que despois se trasladarán a un manual de boas prácticas.

O coñecemento alcanzado publicarase en distintos soportes, xa que se pretende que sexa unha guía de referenza para aqueles organismos europeos, tanto públicos como privados, que traballan no ámbito dos “NEETs”, a mocidade que nin estuda nin traballa.

O Concello decidiu iniciar os encontros polas entidades asociativas debido ao seu papel como dinamizadoras da vida comunitaria e porque agarda contar coa súa colaboración. Unha colaboración que abrangue a difusión das propostas de actuación recollidas durante os estudos, a testaxe das estratexias deseñadas ata o momento polos organismos socios do ECMYNN e, principalmente, a detección de casos NEET con interese en saír desta situación.

O INE estima que en todo o Estado hai arredor de 1.270.000 persoas entre os 16 e os 29 anos que nin estuda nin traballa, ben porque non atopan malia tentalo, porque non poden por circunstancias persoais, ou ben porque non o tentan sequera xa que non confían en encontrar nada, a estatística non fai distincións.