A medida, que ascende a un total de 358.000 €, conta co respaldo da Deputación da Coruña. No pleno aprobouse a participación no Plan Provincial de Medio Ambiente, cun programa dirixido especialmente aos escolares da zona
O Pleno ordense rexeitou na sesión correspondente ao mes de xuño o expediente de modificación de crédito proposto polo Goberno Local. En total habería que falar de 358.000 euros, dos cales 218.000 € destinaríanse á amortización de débeda e 140.000 € para a ampliación do aparcamento do tanatorio do Valado. Unha obra, esta última, que paradoxalmente foi aprobada no pasado mes de marzo en sesión plenaria. “Con esta decisión bótase por terra a redución de déficit prevista e na que levamos traballando dende a nosa investidura”, asegura José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes. “A día de hoxe vémonos na tesitura de ter que rexeitar unha decisión moi positiva para a economía local, a cal contaba co beneplácito da Deputación da Coruña”, explica o rexedor. De feito esta englobábase dentro do Plan de Aforro e Investimento do ente provincial. Finalmente todas as formacións da oposición votaron en contra (5 Unión por Ordes, 2 BNG e 1 PSOE), fronte aos 7 favorables do PP.
O que si contou co respaldo de todos foi o Plan Provincial de Medio Ambiente 2016 (PMA), cun importe total de case 50.000 €. Desta cantidade 26.000 € destinaranse á mellora de sete fosas sépticas nas parroquias de Leira, Montaos, Ordes, Vilamaior e Ardemil. Outros 19.000 € investiranse nas fontes das Cortellas (Ardemil), Esmorís (Buscás) e Mañufe (Mercurín). Por último investiranse outros 4.600 € para o programa de formación e educación ambiental e posta en valor no río Mercurín, especialmente dirixido aos nenos e nenas do lugar. Este inclúe anelamento de aves, colocación de caixas-niño e inventarios de fauna e flora, entre outros.
Tratamento en comisión
No apartado das mocións acordouse, en base ás presentadas polo grupo socialista, dirixirse a Gas Natural Fenosa para solucionar a situación de deterioración e falta de limpeza da área natural de Vilagudín, cuxa titularidade pertence á empresa eléctrica. Por outra banda, quedou posposta para ser tratada en comisión a petición de cambios na ordenanza que regula o pago na zona azul e na que atinxe ao tráfico e á circulación de vehículos a motor e seguridade viaria, co fin de beneficiar ás persoas con mobilidade reducida ou algún tipo de discapacidade.
Ademais, atendeuse a solicitude do BNG para solicitarlle explicacións a Gas Natural Fenosa sobre os cortes de luz rexistrados en Ordes hai escasas semanas. Os nacionalistas advertiron dos riscos que este tipo de incidentes poden supoñer para “a competitividade do tecido comercial e industrial do municipio”. Ante a solicitude para explotar a cafetería do centro comarcal, o alcalde insistiu unha vez máis no seu obxectivo de abrir todo o inmoble de maneira conxunta, unha vez que se analice pormenorizadamente a súa viabilidade e a redución de custos de mantemento ante a futura instalación dun viveiro de empresas no inmoble. Finalmente o equipo de Goberno abstívose na votación, mentres que os demais grupos votaron a favor.