Unha trintena de nenos e nenas de Oroso, de entre os 3 e os 9 anos, participaron hoxe e onte nos dous obradoiros gratuítos de “Todocosmos”, o programa de divulgación da ciencia astronómica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, que conta coa colaboración do Concello de Oroso e da FECYT.
Se onte martes se celebraba na praza Isaac Díaz Pardo o obradoiro para nenos e nenas de 3 a 5 anos, esta mañá os convocados eran rapaces e rapazas de 6 a 9 anos. Uns talleres nos que os pequenos se achegaron ao mundo da astronomía, ben debuxando o sistema solar, ben coñecendo as pezas dun telescopio. O programa culminarase este venres 1 de xullo, ás 22:30 horas, cunha observación astronómica no exterior da piscina municipal de Sigüeiro.