Thursday 21 de November de 2024

A senda entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar, en Touro, xa está executada nun 25% e estará rematada en outubro


A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitaron as obras de execución deste itinerario que contan cun investimento de 500.000 euros

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitou hoxe as obras de construción da senda entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar, que avanzan segundo o previsto, executadas nun 25 %, e cuxo remate está previsto para o vindeiro mes de outubro. O Goberno galego iniciou no pasado mes de abril as actuacións para a execución desta senda segura e sostible na estrada que vai de Burres ata Ponte Ulla, na AC-240. A lonxitude total da actuación supera os 6 km e conta cun investimento da Xunta de máis de 500.000 euros.
Vázquez Mourelle destacou que con este proxecto o Goberno galego pretende dotar aos veciños de Touro de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe, naqueles treitos desta estrada que máis empregan nos seus desprazamentos a pé. A nova senda entre Fonte Díaz e o Empalme de Vilar (AC-240) discorre pola tamén denominada ‘Ruta do Holandés’, unha das vías favoritas dos peregrinos que deciden facer o Camiño Francés de Santiago en bicicleta. Este treito, que é unha alternativa cómoda e tranquila para que os cicloturistas holandeses e do norte e centro de Europa cheguen a Santiago, xa conta con sinalización específica para os peregrinos en bicicleta, que nesta época utilizan esta ruta con máis afluencia.
A titular de Infraestruturas explicou hoxe que a nova senda é unha actuación importante por canto se construirá unha zona diferenciada para o tránsito peonil en diversos treitos desta estrada, que permitirá que os veciños poidan realizar os seus desprazamentos habituais a pé en condicións de maior seguridade. Os traballos consisten na execución de itinerarios peonís de formigón, cun ancho de arredor de 1,80 metros que virán completar as beirarrúas xa existentes, comunicando zonas onde se concentran os núcleos de poboación e os principais equipamentos. Construiranse máis de 5,5 quilómetros de nova senda, a maior parte deles (3,8 km) pola marxe dereita e reporanse 650 metros de sendas xa existentes.
Ethel Vázquez concretou que este itinerario peonil de Touro foi considerado prioritario dentro da primeira fase do Plan de Sendas que se está a desenvolver desde a Xunta en sete comarcas galegas, entre elas, a de Santiago. As actuacións no Concello de Touro responden á aposta do Executivo autonómico por fomentar unha mobilidade sostible, máis respectuosa co medio, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.