Con esta achega asumiranse diversos gastos, dende equipamentos e arbitraxes ata seguros e desprazamentos
A Deputación da Coruña aprobará en pleno unha axuda de 65.000 euros para o mantemento das categorías base do Obradoiro Club Amigos do Baloncesto (CAB).
O obxectivo desta achega é contribuír ao traballo dunha entidade que anima aos máis pequenos a xogar a este deporte e como respaldo para que teñan proxección de futuro no SAD Obradoiro, equipo no máximo nivel do baloncesto español, o que serve de motivación para as categorías inferiores.
Este club conta con varios equipos en distintas categorías federadas, tanto no ámbito provincial como no autonómico: remini y minibasket, cadetes, júnior e infantil. Con este sistema, ademais de fomentar o deporte entre os máis novos, o club pode exercer o control sobre os posibles talentos futuros que poidan aparecer, o que redunda tanto no beneficio do equipo de baloncesto como nas carreiras deportivas dos cativos.
O Obradoiro é o único representante galego na Liga ACB, o que o converte nun referente no baloncesto autonómico.
Con esta achega provincial o club financiará gastos de adestradores e outro persoal, arbitraxes, inscricións licencias, desprazamentos, equipamentos e outro material deportivo, ademais de seguros, vixilancia e seguridade. En total, a Deputación asume así o 67,36% do custe total do programa, que ascende a 96.500 euros.