Friday 22 de November de 2024

Fin de semana chea de festas en Ordes na honra á Virxe do Carme


Los Chunguitos e Azúcar Moreno, principais reclamos das festas do Mesón do Vento, que durarán tres días. Barbeiros e Santa Cruz de Montaos escollen o domingo para levar a cabo as súas celebracións

Varias parroquias do municipio de Ordes ultiman detalles estes días para vivir unha fin de semana marcada pola festa, a diversión, a música e o baile.

O Mesón do Vento celebrará O San Pedro, patrón da parroquia, e O Carme dende este venres, 1 de xullo. Neste día a partir das 21 horas haberá unha gran polbeira, que dará paso a unha gran verbena a cargo da orquestra Ciudad Cristal e de Los Chunguitos. Xa de cara ao sábado, 2 de xullo, haberá misa solemne a partir das 13.30 horas seguida da actuación do grupo Alcázar. Pola noite volverán subir ao escenario, esta vez acompañados do dúo Azúcar Moreno. Por último o domingo, 3 de xullo, novamente haberá misa, nesta ocasión ás 13.45 horas, na honra ao Santísimo Sacramento do Altar. O trío Unión y Fuerza serán os encargados de facer bailar a todas e a todos na sesión vermú. Este mesmo día tamén será unha xornada de lembranza para un dos nomes propios máis queridos da zona, xa que se lle outorgará o nome Sacristán Francisco a unha das vías do núcleo poboacional do Mesón do Vento.

Por outra banda, de cara ao domingo, 3 de xullo, Barbeiros e Santa Cruz de Montaos honrarán á Virxe do Carme. En Barbeiros haberá misa con procesión ás 13 horas, seguida dunha sesión vermú amenizada con música en directo. A misa en Montaos comezará ás 13.30 horas e contará coas actuacións dos grupos Panamá e Bang.