O responsable da área social sinala que a dinamización demográfica “é unha prioridade para este goberno”, e para o que está levando a cabo actuacións tanto a nivel autonómico, como estatal e europeo
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, defendeu a necesidade de “manter unha política demográfica seria e estable” para actuar ante o declive de poboación que ten a Comunidade Autónoma dende hai tres décadas. Rey Varela. Así o dixo no Parlamento de Galicia en resposta a unha interpelación na que insistiu en que a situación demográfica “é unha prioridade para este goberno” e na que detallou que dende a Xunta de Galicia estase a actuar non soamente a nivel autonómico senón tamén europeo e nacional.
Ao respecto, o responsable da área social indicou que o executivo galego aborda a cuestión demográfica de maneira transversal e interdisciplinar, tal e como se reflicte nas diversas propostas elaboradas, das que a máis recente é o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Este documento recolle un paquete integral de medidas en que están implicados varios departamentos autonómicos para avanzar na meta de “crear en Galicia un entorno social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe”, explicou.
Así mesmo, Rey Varela lembrou que a finais do ano pasado a Xunta de Galicia dotouse dunha dirección xeral con competencias específicas para a dinamización demográfica, e que unha das primeiras medidas levadas a cabo a través da mesma consistiu na posta en marcha do Programa de Apoio á Natalidade (PAN Galicia) con tres grandes áreas de intervención: axudas directas ás familias, recursos para a conciliación e servizos; e con medidas concretas en cada unha delas. Entre outras: deducións fiscais por nacemento e adopción ou por coidado de fillos/as entre os 0 e os 3 anos; prestación de pago único por fillos/as menores de 3 anos; incremento do 20% da dedución fiscal por nacemento e adopción de fillos/as para residentes en municipios de 20.000 habitantes; exención de pago nas escolas infantís ou a Tarxeta Benvida.
Ademais, no ámbito do PAN Concilia, o conselleiro destacou o investimento de máis de 66 millóns de euros para incrementar ata un total de 22.316 as prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas infantis e alcanzar unha cobertura por riba do 37% que é superior á fixada pola Unión Europea. Rey Varela tamén se referiu a nova orde en marcha para a apertura de escolas infantís en contornas empresariais coa que se poderán crear un mínimo de 451 prazas nos polígonos e parques empresarias de Galicia; e ás Casas Niño, recurso de coidado e atención personalizada de nenos/as de 0 a 3 anos en horario flexible nunha vivenda do coidador/a acreditado.
Coordinación con outras comunidades
Na súa intervención, Rey Varela sinalou que o problema demográfico non é exclusivo de Galicia, senón que é un problema estrutural que afecta a moitas rexións do resto de España e de Europa. Precisamente, Galicia ten presenza en diversos foros a nivel nacional e europeo que teñen por finalidade situar a cuestión da demografía na axenda política do Goberno de España e da Unión Europea”, apuntou.
Deste xeito, no contexto nacional a Xunta traballa de maneira coordinada con Asturias, Aragón, Castilla-La Mancha, Extremadura, Castilla e León, Cantabria e La Rioja a través do Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD). Ao respecto, o titular autonómico de Política Social recordou que Galicia acolleu o pasado día 6 deste mes de xuño a quinta reunión interterritorial deste foro, no que “os representantes dos executivos autonómicos que participamos insistimos sobre a necesidade dun gran pacto de estado para situar o problema no centro de debate como prioridade do país”, declarou.
Así mesmo, outro ámbito de actuación fronte ao declive da poboación é a Unión Europea por medio da Rede Europea de Rexións afectadas polo cambio demográfico, da que forma parte a Xunta de Galicia. Os representantes das 40 rexións que forman parte desta rede elaboraron o documento “Axenda Demográfica”, no que se propón que se inclúa a cuestión demográfica na programación dos fondos de cohesión para o período 2014-2020.
A todas estas medidas e intervencións súmase a iniciativa institucional de crear o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, cuxa finalidade será facilitar un coñecemento pormenorizado da realidade demográfica de Galicia e asesorar ás administracións públicas galegas para a inclusión da perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das súas políticas. “En definitiva”, concluíu Rey Varela, “o noso compromiso está en debuxar un pobo galego con máis nenos e con maior esperanza de vida”.