Friday 22 de November de 2024

Galicia e Asturias avanzan na mellora da xestión das emerxencias en materia mineira


O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor mantivo hoxe unha reunión cos responsables da Brigada de Salvamento Mineiro de Asturias para dar comezo co protocolo de actuación conxunta entre ambas comunidades

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor mantivo unha reunión cos responsables da Brigada de Salvamento Mineiro de Asturias, responsables da Cámara Oficial Mineira de Galicia, e co Xefe de Seguridade da Mina de Wolframio de San Finx, no marco do convenio asinado en materia de Protección Civil e xestión de Emerxencias coa comunidade asturiana.

Segundo explicou o director xeral, no marco deste convenio, asinado o 30 de xuño de 2015, unha das actuacións previstas a levar a cabo é desenvolver o protocolo de mobilización da Brigada Central de Salvamento Mineiro para actuacións de rescate e intervención en actividades mineiras en Galicia.

O convenio prevé a colaboración en materia de protección civil e xestión de emerxencias, e deste xeito aproveitar os recursos dispoñibles por parte das dúas administracións asinantes, Xunta de Galicia e Principado de Asturias, fundamentalmente aínda que non só, para os concellos limítrofes. E establece os procedementos operativos de intervención, sendo a solicitude de axuda, en todos os casos, a través dos centros de 112 de ambas as comunidades. Así mesmo indícase que se contemplarán protocolos de actuación específicos para cada tipo de actuación conxunta, con obxecto de mellorar a eficacia e eficiencia nas intervencións.

Na reunión, concretouse comezar a redactar o protocolo de mobilización da Brigada de Salvamento Mineiro. Esta brigada creouse no ano 1912, con obxecto de unificar as pequenas brigadas de cada empresa mineira e dotalas de mellores medios para aumentar a súa eficacia ante os accidentes.

Para o desempeño das súas funcións, a Brigada conta cunha Estación Central, situada xunto ás instalacións do Pozo Fondón, en Sama de Langreo (Asturias). Á estación súmase diverso material, equipos e ferramentas, entre os que destacan os equipos de respiración autónoma de circuíto pechado; cuxo uso e adestramento continuado capacita aos seus profesionais para realizar calquera traballo ou rescate de longa duración, en atmosferas irrespirables.

Por tanto, dado que é a única brigada a nivel nacional que conta cos medios, recursos, formación e experiencia para facer fronte a este tipo de intervencións, o desenvolvemento do protocolo vai supoñer un avance e mellora na resposta en caso de accidente en actividades mineiras.