O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o conselleiro delegado de ENCE, Ignacio de Colmenares y Brunet deron conta nunha rolda de prensa do contido do Pacto Ambiental, asinado entre a Xunta e Ence
A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato Otero, e o conselleiro delegado de ENCE, Ignacio de Colmenares y Brunet, asinaron o Pacto ambiental con ENCE, un acordo realizado ao amparo do decreto 295/2000 de 21 de decembro, no que se recollen máis dunha decena de actuacións a través das que a empresa compromete preto de 200 millóns de euros nos próximos catro anos en distintas iniciativas que beneficiarán especialmente a Pontevedra e á súa comarca, pero tamén a outros puntos de Galicia.
Na esta sinatura, celebrada na delegación da Xunta en Pontevedra, estivo presente tamén o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o secretario xeral de Calidade Ambiental, Justo de Benito.
Este pacto constitúe unha folla de ruta completa, na que se inclúen medidas concretas, cos seus orzamentos e calendarios de execución respectivos. De feito, todas as actuacións recollidas no documento vanse iniciar este mesmo ano.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que quede negro sobre branco o compromiso de ENCE con Pontevedra e a súa comarca, tal e como lle reclamou a Xunta; ao que engadiu que se trata dun compromiso de investimentos en materia ambiental, económica e social, que redundará directamente en beneficios para todos os cidadáns de Pontevedra e de Galicia.
Así, entre os investimentos, inclúese unha partida de 30 millóns de euros para a mellora da eficiencia no complexo industrial de Lourizán. En concreto, con respecto a estas últimas, cabe destacar que 12 millóns se consignarán á redución do impacto acústico e de olores; uns 15 millóns ao tratamento e rexeneración de augas no complexo; e preto de 4 millóns á integración paisaxística.
Investimento social e investigación
O pacto inclúe tamén un compromiso de dotación de 3 millóns de euros anuais para o desenvolvemento dun novo Programa marco para a posta en marcha de actuacións de carácter social e ambiental que beneficien á comarca de Pontevedra. Isto desenvolverase tamén a través dun convenio e as súas actividades concretaranse ano a ano no seo da Comisión mixta de seguimento deste acordo, que estará conformada por dous membros da Consellería de Medio Ambiente e dous por parte de ENCE.
Recollese tamén un investimento de 10,6 millóns de euros para a creación dun Centro de investigación e desenvolvemento especializado na explotación sustentable dos recursos forestais, que situará a Pontevedra á vangarda da investigación neste eido. Do total, ENCE destinará 5 millóns para o acondicionamento dunha sede en colaboración coa Xunta. Para este centro, a Administración autonómica considera que se plantexe como sede o Pazo de Lourizán.
No documento ratifícase tamén a achega de 15 millóns de euros co que a empresa colaborará na ampliación e modernización da EDAR de Praceres, o que redundará nunha mellora fundamental na depuración e saneamento de augas da ría. Neste caso tamén, as condicións do investimento concretaranse nun convenio que se asinará nos vindeiro trimestre.
A isto súmase a construción e posta en marcha dun novo centro de coxeneración de biomasa nas instalacións de Lourizán, así como de tres novos centros de bioenerxía en distintos puntos de Galicia.
A conselleira, que cualificou o Pacto como “ambicioso e beneficioso”, recordou que o Goberno galego seguirá exercendo un control rigoroso no cumprimento dos requisitos medioambientais, así como no control da execución destes compromisos.