A INTENCIÓN DO EXECUTIVO É ALCANZAR UN ACORDO DE COLABORACIÓN COA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE PARA O FINANCIAMENTO DA ACTUACIÓN
O Concello de Riveira informa de que a xunta de goberno local aprobou un novo proxecto dirixido a seguir renovando as beirarrúas e servizos da avenida da Coruña, unha das principais vías de entrada á cidade de Santa Uxía ao enlazar con Palmeira e A Pobra e tamén coa autovía do Barbanza a través da avenida da Paz.
Así, se no primeiro semestre deste ano procedeuse a renovar un tramo de 978 metros lineais de beirarrúas (451 metros na marxe dereita e 527 metros na marxe esquerda) por un importe global de 220.000 euros, o proxecto técnico elaborado nesta ocasión polos servizos municipais abrangue unha lonxitude total de 543 metros lineais, dos cales 372 estarán situados na marxe dereita e 171 na marxe esquerda.
O prezo de licitación é de 174.441 euros e a intención do Executivo é lograr financiamento autonómico para a execución desta actuación a través dun acordo de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
Servizos
Así, no que se refire á instalación de servizos, para a rede de pluviais instalaranse un colector formado por tubería corrugada de PVC de 315 milímetros de diámetro, ademais de arquetas cada 25-30 metros e pozos de rexistro cada 40, aproximadamente. Para saneamento será empregado un colector formado por tubaxe compacta de PVC de 315 milímetros de diámetro, con pozos cada 40 metros e renovándose as acometidas á rede.
Polo que respecta ás beirarrúas e en sintonía coa actuación levada a cabo este ano, empregarase 2.013 metros cadrados de baldosas de formigón gris escuro e branco con dimensións de 60×40 centímetros.
O período de execución das obras é de catro meses.