Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño e Medio Rural suscriben un convenio a tres anos para a limpeza das pistas municipais


O Concello suscribiu este luns un convenio coa Consellería do Medio Rural para a prevención de incendios forestais por medio da limpeza das beiravías da rede municipal. Serán algo máis de 16.000 euros tanto nesta como nas próximas dúas anualidades. A sinatura do convenio cadra coa entrada en servizo da nova rozadora municipal, adquirida cunha axuda do Plan Ambiental da Deputación da Coruña. Por outra banda, Augas de Galicia tamén comunicou hai uns días o inicio inminente dos traballos de limpeza de case dous quilómetros do río Grande de Xubia. Os labores desenvolveranse nun tramo duns 220 metros na zona de Pontellas, en Ferreira, e noutro de 1.7km na zona do paseo fluvial. Consistirán na retirada de pólas, árbores caídas e outros restos arrastrados polas riadas do inverno, incluídos varios rolos de silo acumulados preto da presa do muíño de Mera.

Da limpeza das marxes e da bacía do río Xubia encargarase a empresa SGS Tecnos como adxudicataria do contrato convocado pola consellería. O seu cometido será o de sacar das marxes e do propio cauce todos os restos acumulados durante as enchentes. Materiais que poden influír de forma negativa no desenvolvemento da flora e da fauna e que, ademais, poden repercutir en futuros asolagamentos se taponan pontes ou aliviadoiros naturais do río. Por outra banda, tamén cómpre ter en conta que a zona sobre a que se vai actuar é un concorrido couto de pesca sen morte e as tarefas de limpeza contribuirán a mellorar as condicións para a práctica deste deporte.

Os puntos críticos detectados pola Xunta encóntranse en Ferreira e máis na proximidade do núcleo de San Sadurniño. Na primeira zona, situada no núcleo de Pontellas, Augas de Galicia encargou o repaso de 220 metros de río, mentres que na segunda -no contorno do paseo fluvial- o organismo autonómico dispuxo traballar sobre unha distancia de 1.7 quilómetros de ribeira dun alto valor ambiental e para o lecer.

As dúas grandes enchentes do pasado inverno acumularon preto da presa do muíño de Mera varios ameneiros que, á súa vez, fixeron de cancela para outra materia vexetal e obxectos arrastrados pola auga. Os máis rechamantes foron arredor dunha ducia de rolos de silo traídos pola enchente na mañá do 9 de febreiro. Parte deles foron esfolándose río abaixo, pero outros quedaron presos nas árbores e nas covas abertas na beira do río que mesmo danaron o firme do paseo fluvial.

Segundo a comunicación recibida no Concello pola empresa adxudicataria, as obras de mantemento do dominio público hidráulico comezarán nestes días, polo que se recomenda prestar atención aos sinais dos traballos cando se camiñe polo paseo fluvial.

Nova rozadora municipal e convenio de 16.000 € con Medio Rural
E nestes días tamén entrou en servizo a nova rozadora de brazo adquirida polo Concello con cargo ás axudas do Plan Ambiental promovido pola Deputación da Coruña. O equipamento -orzamentado no plan en 15.300 euros- estreouse nas pistas de Ferreira e agora está finalizando a limpeza das beiravías de Naraío, dentro do programa de intervencións deseñado polo departamento de Servizos.

San Sadurniño conta cuns 260 quilómetros de pistas e a roza das súas marxes sufragarase en parte con cargo ao convenio para a prevención de incendios forestais suscrito este luns coa Consellería do Medio Rural por importe de 16.262,50 euros. Trátase dunha contía fixa que San Sadurniño percibirá neste exercicio e tamén nos de 2017 e 2018.

O convenio -financiado con fondos europeos- establece unha axuda de 130€ por hectárea rozada que, no caso da limpeza das cunetas, vén supoñer -aproximadamente- uns dous quilómetros de estrada por ambas marxes se está asfaltada e de 1 km. se se trata dunha pista de terra.