As actuacións inclúen melloras na cuberta do polideportivo e reformas nos elementos educativos do xardín
O pleno da Deputación da Coruña aprobará un convenio de colaboración co Concello de Ferrol para a realización de diversas obras de conservación en instalacións lúdico-deportivas do municipio. Así, acometeranse actuacións tanto no pavillón da Malata como no xardín temático AquaCiencia por un importe de 320.640,79 euros, dos que 256.512,63 euros serán aportados directamente pola institución provincial.
No primeiro caso, realizaranse obras necesarias para acondicionar o edificio e mellorar as súas prestacións. En concreto, traballarase en toda a cuberta, tanto na estrutura como na propia cuberta en si, no teito e nas cristaleiras. Segundo o proxecto, as obras inclúen a montaxe completa da cuberta con chapa galvanizada e prelacada, así como a renovación dos caleiros de aceiro inoxidable, a substitución da cristalería nas bancadas e a substitución do falso teito.
No que respecta ao xardín temático AquaCiencia, forraranse de madeira os caixóns e as táboas dos 14 elementos educativos que funcionan na auga. Tamén se reparará o pavimento e os bancos de listóns de madeira que se atopan ao longo dos sendeiros do xardín. Finalmente, a previsión é que tamén se restauren e substitúan, no caso en que sexa necesario, os carteis didáctico-explicativos que figuran en cada unha das máquinas.