Saturday 16 de November de 2024

A Xunta defende en Bruxelas a importancia socioeconómica da pesca costeira artesanal en Galicia


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que se debateu sobre o futuro da pesca costeira a pequena escala

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións para debater, xunto con outros representantes locais e rexionais, sobre aspectos clave das políticas comúns de Pesca e Agricultura que afectan especialmente ao sector primario en Galicia.

Por un lado, Jesús Gamallo interveu nunha mesa redonda sobre a pesca costeira a pequena escala en canto que elemento fundamental da estratexia de economía marítima ou crecemento azul da Unión Europea, na que defendeu a súa importancia socio-económica. Gamallo explicou como este tipo de pesca representa un 85% dos buques que operan en Galicia, o 22% dos desembarcos e dá emprego a máis de 5.000 mariñeiros, polo que un 35% do Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro (FEMP) na nosa comunidade vai destinado a aumentar a competitividade deste segmento da pesca a través de medidas para mellorar a comercialización dos seus produtos, impulsar a marca de calidade “PescadeRías” e facilitar o relevo xeracional nesta actividade.

No debate interviñeron, ademais dun representante da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos da Comisión Europea, dous eurodeputados membro da comisión de Pesca e o director da Federación Nacional de Organizacións de Pescadores de Reino Unido. Malia representar case a metade dos empregos do sector pesqueiro e tres cuartas partes dos barcos, a pesca costeira a pequena escala tan solo representa o 16% do valor engadido da pesca europea. Así e todo, na UE recoñécese a importante achega desta actividade para manter poboación nas zonas costeiras, ademais da súa complementariedade coa actividade turística -dado que axuda a contrarrestar os efectos da estacionalidade do turismo- e o baixo impacto medioambiental que exerce ao empregar artes de pesca cunha alta selectividade. Por iso, o FEMP presta unha atención especial ao desenvolvemento, competitividade e sostibilidade deste sector.

Revisión da normativa técnica no ámbito da pesca
Os representantes rexionais e locais debateron por primeira vez sobre a proposta que a Comisión Europea presentou en marzo sobre o futuro Regulamento de Medidas Técnicas no ámbito da Pesca, co que se regularán as artes de pesca permitidas, a composición das capturas ou as zonas e tempadas de vedas, entre outros. Este novo regulamento que -no marco da gran iniciativa de simplificación lexislativa europea denominada REFIT- substituirá preto de 30 actos lexislativos existentes, pretende adecuar as medidas técnicas de xestión á nova Política Pesqueira Común, establecendo estándares comúns en toda a UE á vez que permite ás rexións desenvolver estas normas en función das súas necesidades específicas. A eliminación dos descartes ou o obxectivo do Rendemento Máximo Sostible (RMS) serán, así e todo, de obrigado cumprimento máis aló das decisións rexionais na materia.

A norma terá unha especial repercusión para Galicia, xa que revisa todos os aspectos técnicos para determinar como, onde, cando e que se pode pescar. Entre eles, incluirá a regulación das redes de enmalle á deriva, entre as que se atopa o xeito, despois de que a Comisión retirase o pasado ano a súa proposta de prohibición total destas redes, tralas presións recibidas por parte de varios actores entre os que se inclúe a Comunidade Autónoma de Galicia.

Criterios para reducir a produción láctea
Finalmente, os membros de NAT debateron noutra mesa redonda sobre as medidas de mercado para limitar a produción láctea, un intercambio de opinións no que participaron o presidente da Mesa Europea do Leite (European Milk Board), representantes da Comisión Europea e o Parlamento Europeo e máis unha experta autora dun estudo para o CdR sobre a evaluación do Programa de Responsabilización dos mercados” que xa elaborara outro informe para a mesma asemblea sobre as áreas con desvantaxes na produción láctea.

O comisario de Agricultura, Phil Hogan, propuxo hai semanas unha redución voluntaria da produción en Europa ante os baixos prezos do leite que, nun contexto de incremento da oferta e caída da demanda, afogan o sector. A Xunta entende a este respecto que as posibles medidas de limitación temporal deben ter en conta criterios ambientais, afectando en primeiro lugar aos estados ou rexións máis afectados por gases de efecto invernadoiro ou problemas de contaminación das augas por nitratos de orixe agrícola. Tamén deben terse en conta a dispoñibilidade de auga para cultivos e gandaría e o desequilibro interno entre oferta e demanda nos diversos países produtores.

A comisión NAT do Comité Europeo das Rexións
A comisión de Recursos Naturais (NAT), que se ocupa de abordar dende o punto de vista local e rexional asuntos como a Política Agrícola Común (PAC), a pesca ou o turismo, é unha das dúas comisións de traballo nas que Galicia participa no seo do Comité Europeo das Rexións, asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.