Friday 22 de November de 2024

Últimos días para anotarse no Campamento de Verán e nas xornadas de sendeirismo “Brión de cabo a rabo”


As inscricións poden formalizarse na Casa da Cultura de Brión antes do 30 de xuño

Últimos días para anotarse nas actividades de conciliación programadas polo Concello de Brión para este verán: o tradicional Campamento de Verán para nenos e nenas de 7 a 13 anos de idade e a nova proposta de sendeirismo local, “Brión de cabo a rabo”. En ambos casos, o prazo de inscrición remata este xoves 30 de xuño na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08).

“Brión de cabo a rabo” é una nova iniciativa de sendeirismo pola cal os participantes, maiores de 12 anos, percorrerán todo o municipio de Brión seguindo as rutas sinalizadas. O camiño farase en cinco etapas, que terán lugar do 18 ao 22 de xullo. As etapas serán: do Santo Arandel ata Brión, de Brión ata Ons, de Ons ata A Luaña, da Luaña a Brión e de Brión ao Santo Arandel. A saída de cada ruta terá lugar ás 9:00 horas e a cota de inscrición é de 25 euros, é dicir, cinco euros por etapa. No caso de participar un segundo irmán, a cota reducirase a 13 euros. Será preciso un mínimo de 20 inscritos para a súa realización.

No que atinxe ao tradicional Campamento de Verán, para nenos e nenas de 7 a 13 anos, terá lugar do 15 ao 26 de agosto no campamento xuvenil “Penedos de Xacinto”, no Entrimo (Ourense). O prezo de inscrición é de 150 euros, cun desconto do 50% para o segundo irmán (75 euros).