Esta fin de semana tamén pecharon curso as escolas culturais do Concello
Este domingo non choveu. Pero tampouco é que fixese unha calor loca. Mesmo houbo un vento especialmente desapacible durante a mañá, cando o ceo estaba encapotado case por completo. Non eran condicións ideais para un mercado ao aire libre, pero aínda así o de San Sadurniño contou cunha boa afluencia de público durante toda a xornada. A variedade da oferta e o feito de ser xornada electoral quizais animou un chisco o evento, que xa no mes de decembro cadrara con día de votación. A programación municipal da fin de semana completouse coa actuación na tarde do sábado das escolas de música, que pecharon curso na Casa da Cultura.
Desde Desenvolvemento local -departamento organizador do evento- sinalan que a coincidencia coa xornada electoral foi un factor que “axudou a animar o mercado”, tal e como asegurou o titular da área, Manolo Varela. Dos 80 postos inscritos, finalmente chegaron a asentarse arredor de 70. A maioría das ausencias produciuse entre comerciantes de artesanía e de segunda man.
Si responderon a totalidade de inscritos relacionados coa comercialización alimentaria, que achegaron horta de temporada -cenoiras, leitugas, patacas de cedo, etc.-, embutidos e froita, coas cereixas como raíñas indiscutibles da oferta. Produtos todos eles que contaron cunha boa saída, segundo comentaban algúns dos postos.
Clausura das escolas culturais
Noutra orde de cousas, o sábado foi o día en que as escolas de música municipais despediron curso mostrando o aprendido nos últimos meses. A tarde abriuna a concelleira de Igualdade, Ana Belén Bereijo, quen agradeceu a súa presenza as tres formacións que ían actuar así como ao seu profesorado, entre o que só faltou o mestre de gaita, Antón Varela, por motivos de saúde e a quen desde o escenario se lle desexou unha rápida recuperación.
Feitas as presentacións, o evento arrancou coas masas corais de Lamas e San Sadurniño, agora unidas nun mesmo coro, que repasaron varios títulos do repertorio galego cunha mención especial á poesía musicada de Manuel María, o autor ao que se lle dedicaron este ano as Letras Galegas.
Trala coral subiron ao escenario a Rapazada do Saíme, o grupo de nenas e un neno que asiste ás escola de pandeireta da mestra Carmen Pedreira. Fixeron varias pezas tradicionais que deixaron patente a súa evolución no último ano en que mesmo se presentaron ao concurso convocado pola Deputación “Quero cantar” coa “Xota de Naraío” escrita por Lucía Pita e arreglada por Roberto Grandal e a propia Pedreira.
Ese foi o título que cantaron en último lugar, xusto antes de darlle paso ao grupo de pandereteiras adultas e á escola de gaita. A formación de gaiteiros e gaiteiras tocou catro pezas acompañada pola acordeonista Almudena Vega -pertencente á escola deste instrumento que se imparte en Naraío- e polo percusionista José Antonio Vilariño.
O remate da exhibición correu por conta das gaitas e das pandereteiras -grandes e pequenas- todas xuntas no escenario para interpretaren pezas tan coñecidas e doadas de corear como “A saia da Carolina”. Na páxina en Facebook do Concello de San Sadurniño podedes atopar as galerías fotográficas do mercado do domingo e da clausura das escolas culturais do sábado á tarde.