As inscricións poden realizarse no centro cultural de Sigüeiro ou no 981 690 903
Oroso acollerá esta semana dous obradoiros e unha sesión de observación astronómica incluídas en “Todocosmos”, o programa de divulgación da ciencia astronómica organizado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Concello de Oroso e a financiación da FECYT. Unhas actividades gratuítas para as que é preciso anotarse previamente no centro cultural de Sigüeiro ou chamando ao 981 690 903.
Os obradoiros terán lugar o martes 28 de xuño, para nenos e nenas de 3 a 5 anos, e o mércores 29 de xuño, para nenos e nenas de 6 a 9 anos. En ambos casos, os talleres terán lugar ás 11:30 horas na praza de Isaac Díaz Pardo (en caso de choiva trasladaríanse ao centro cultural). Para o venres 1 de xullo queda a observación astronómica, que volverá celebrarse no exterior da piscina municipal de Sigüeiro, ás 22:30 horas.