Un total de corenta maiores dos Obradoiros da Memoria do Concello de Lousame celebraron unha merenda de fin de curso no club de xubilados de Aldeagrande, , na que estiveron acompañados pola alcaldesa Teresa Villaverde. Unha merenda na que non faltaron os biscoitos, as roscas, as galletas, as cereixas… así como viño da casa e refrescos.
Teresa Villaverde felicitou a todos os participantes nos obradoiros da memoria e instounos a que “convidedes a vir a xente das aldeas que non dan saído da casa, contádelle que é unha boa actividade e que o van pasar ben porque a memoria vaise gastando e hai que traballala”. Todas as presentes tiveron palabras de agradecemento para as dúas monitoras, Mónica e Pili, e pedíronlle á alcaldesa que para o próximo curso se organizase un obradoiro para aprender a utilizar o móbil e, en especial, aplicacións como o whatsapp.
Villaverde comprometeuse a celebrar ese obradoiro “varias veces durante o curso” e mesmo lles plantexou un primeiro desafío: “enviareivos as fotos desta merenda por whatsapp cando comece o curso para ver como vos manexades”. Así mesmo, houbo unha mención especial a Filomena Abeijón, que con 94 anos é a máis veterá dos obradoiros da memoria, nos que leva participando dende hai máis de dez anos. O acto rematou coa entrega de diplomas conmemorativos a todos os participantes nos obradoiro da man de Teresa Villaverde e das monitoras dos cursos.