Ante as denuncias verquidas polo seu estado de conservación explica que non ten competencias para levar a cabo ningunha actuación. Pide a retirada ou a rectificación da moción presentada polos socialistas en base a este tema
Tras a denuncia publicada en distintos medios de comunicación sobre a situación de “total abandono da área de lecer situada a carón do encoro de Vilagudín” da que se responsabiliza ao Concello de Ordes, este ente municipal vese na obriga de aclarar que dito espacio é propiedade da empresa Gas Natural Fenosa. O Concello de Ordes carece de permiso ou potestade para poder realizar ningún tipo de intervención nin actuación para a súa conservación ou mantemento.
Dita denuncia parte da moción presentada recentemente polo Partido Socialista de Ordes, na que se lle require ao equipo de Goberno “poñer en marcha medidas de conservación e restauración da zona” ademais de “incluíla na páxina web municipal como punto de interese turístico do municipio”. O Concello de Ordes destaca a necesidade de rectificar dita petición ou ben de retirala da orde do día de cara ao vindeiro pleno. Tamén se lle reclama un maior grao de responsabilidade política e rigurosidade á hora de emitir comunicacións desta índole, sin adxudicarlle ao Concello propiedades nin competencias que non son da súa xurisdición.
O Concello de Ordes reafírmase unha vez máis no seu compromiso pola preservación e mantemento dos seus espazos verdes e naturais, consciente da importancia que teñen tanto para o benestar dos seus habitantes como para o crecemento económico da zona. Neste sentido a súa actitude é a de manterse receptivos e participativos ante as suxestións plantexadas tanto por parte da veciñanza como das restantes forzas políticas que forman a corporación municipal.