Friday 22 de November de 2024

A nova tempada de ‘Galicia a todo tren’ realiza a primeira viaxe pola Ruta do Viño das Rías Baixas


Nava Castro visita a adega Martín Códax, unha das actividades que ofrece este itinerario

Nava Castro visitou a adega Martin Códax, en Cambados, unha das actividades incluídas na ruta do tren do Viño das Rías Baixas, que realizou esta mañá a súa primeira viaxe. É un dos nove itinerarios temáticos que este verano percorrerán Galicia no marco da cuarta edición do programa de trens turísticos “Galicia a todo tren”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, Renfe e a Deputación de Ourense a través do INORDE. Os viaxeiros tamén puideron percorrer hoxe a Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra, postas en marcha recentemente.

Nesta nova edición increméntase a oferta global en 84 novas prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira edición, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

Este verán tamén se poñen en marcha dúas novas rutas dos trens turísticos, a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”. Polo tanto, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outras tantas rutas temáticas.

Cada unha das nove rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como rutas en catamarán e acceso e visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos.

A oferta deste programa compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.

Ademais, este ano Santiago recibirá a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus. Será a primeira vez na historia que este convoi viaxe entre Madrid, a comunidade autónoma española de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O tren realizará unha viaxe en xullo e outra en agosto, marcando un fito histórico de gran importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago.

Trens en funcionamento hoxe
O Tren do Viño das Rías Baixas, que realiza hoxe a súa primeira viaxe, ten saída dende Santiago de Compostela e visita a adegas Martín Códax, en Vilagarcía, e a do Pazo de Fefiñáns, en Cambados. A maiores, ofrece a posibilidade de realizar un paseo polo centro desta última cidade e un percorrido en barco pola Ría de Vigo e a Illa de San Simón.

A maiores, esta mañá os viaxeiros tamén podían subirse ao tren da Ruta dos Faros, que xa estivo en funcionamento os sábados 11 e 18 deste mes. Este percorrido parte de Ferrol e avanza polos sitios máis destacados da costa norte galega. O convoi descubre lugares significativos como Cabo Ortegal, o mirador de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido, o Cabo de Estaca de Bares ou a Praia das Catedrais. Pódese escoller iniciar a ruta en autobús dende A Coruña, incluíndo despois o regreso, e visitando o exterior da Torre de Hércules, o faro romano máis antigo en funcionamento e declarado Patrimonio da Humanidade.

Así mesmo, hoxe tamén se podía realizar o percorrido no tren da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, que xa realizou unha viaxe o día 11 deste mes. Neste caso, o tren turístico Aba Sacra parte da estación de Ourense para realizar un percorrido que inclúe unha visita á adega Regina Viarum, ao Centro de Interpretación do Viño en Monforte de Lemos, un paseo en catamarán polo río Sil e a visita tanto ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como á Aula do Ferrocarril dos Peares.