Os resultados despréndense do Observatorio Español del Mercado del Vino, que afirma que o valor desta bebida en Galicia crece un 16,8%
O Observatorio Español del Mercado del Vino vén de facer público o seu último informe correspondente co primeiro trimestre do ano e, segundo os datos que proporciona Aduanas, as exportacións galegas de viño branco envasado crecen chegando a situar á comunidade autónoma no terceiro posto de España no que ao valor económico se refire.
O valor das exportacións aumentou un 16,8% mentres que o volume medrou un 9,1%, co que Galicia se converte na sexta comunidade exportadora no que a volume se refire. Así, entre xaneiro e marzo deste exercicio exportáronse 2,1 millóns de litros de viño branco envasado cun valor económico superior aos 6,5 millóns de euros, o que representa máis do 10% do estatal. En toda España o valor desta bebida chegou aos 64,4 millóns de euros.
Respecto ao prezo, a media en Galicia está en 3,07 euros o litro (aumenta un 7,1% respecto ao ano anterior), unha cifra moi por riba da media estatal que se sitúa en 1,41 euros.
Galicia é a segunda comunidade, só por detrás de Castela-A Mancha, que máis aumenta en termos absolutos de facturación con respecto ao mesmo período do ano pasado, crece en máis de 938.000 euros chegando aos 6,5 millóns de euros só no primeiro trimestre. Tamén é a quinta que máis aumenta en volume exportado, preto de 200.000 litros máis que no primeiro trimestre de 2015.