AS NOVIDADES QUE CONCORREN, UNHA DECENA, E TAMÉN MOITAS OUTRAS PRESENTADAS POLAS EMPRESAS PARTICIPANTES, ESTARÁN NA ÁREA EXPOSITIVA
A cuarta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca 2016, o cal se levará a cabo do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), recoñecerá novos proxectos do sector orientados á súa mellora dende distintos puntos de vista.
Será a través do seu Concurso de Innovación Tecnolóxica “Galiforest Abanca 2016”, o cal premiará as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións, de entre o conxunto que realizan o mesmo proceso. A Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do certame co apoio da dirección xeral de Ordenación e Produción Forestal da Xunta de Galicia, pretende así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.
Nesta edición o xurado de expertos do concurso valorará unha decena de innovacións, nas cales terá en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sostibilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.
As novidades que concorren a este Concurso de Innovación e tamén moitas outras presentadas polas empresas participantes nesta edición estarán na área de exposición do monográfico.
Premios
O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2016 e mencións especiais, os cales se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 30 de xuño.
Na pasada edición, celebrada o 26 ao 28 de xuño de 2014, o gañador foi unha liña de trituradoras galegas que constaba de tres modelos e incorporaba en todos eles tres novidosos sistemas patentados pola propia empresa: un sistema de transmisión que permitía triturar tocóns de madeira sen que parara o tractor unido á máquina, un sistema que permitía a aliñación da transmisión que vai do apeiro ao tractor e un sistema de triturado no que o martelo en lugar de ser plano, como é o habitual, era en forma de dente e actuaba a dous niveis, o que supoñía que en lugar de golpear a madeira a partira, sendo así máis fácil a trituración e ademais demandara menos consumo de potencia.
Tamén se concederan dúas mencións, unha delas a un autocargador cun sistema que era o primeiro do mundo de comunicación en rede para a xestión de flotas de máquinas forestais, e a outra a un autocargador apto para circular por vías públicas sen necesidade de autorización por non superar a anchura máxima e que incorporaba unha caixa de cambios automática que conlevaba unha gran suavidade de marcha nas condicións máis difíciles e un consumo reducido que podía supoñer ata un 30% de aforro en combustible.