Saturday 16 de November de 2024

A Xunta apoia unha reforma que faga máis equitativo e eficaz o sistema europeo de asilo


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR)

A comisión de Gobernanza, Cidadanía e Asuntos Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que Galicia participa a través do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, debateu hoxe sobre tres das propostas da Comisión Europea integradas na Axenda Europea de Migración, presentada en maio de 2015 como un conxunto de medidas para reformar a política migratoria da UE. Neste primeiro debate sobre as novas propostas dentro da Axenda Europea de Migración, Galicia apoiou unha reforma do Sistema Europeo Común de Asilo que faga mais equitativo e sostible o reparto das solicitudes de refuxiados entre os Estados membros.

A crise migratoria que a UE vive dende 2015 e a dificultade para aplicar os plans de reubicación fai necesaria unha maior harmonización dos procedementos para aliviar a situación do pequeno número de Estados membros que reciben o groso das solicitudes de asilo. Ademais, os membros de CIVEX defenderon que se teña en conta aos entes rexionais e locais por ser estas administracións as que deben afrontar en primeira instancia os fluxos migratorios.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE defendeu que “ten que quedar claro que só unha política integrada de todos os estados europeos, que aposte por un reparto obrigatorio e permanente, xunto ao traballo para garantir a estabilidade das fronteiras exteriores, poden contribuír á solución desta cuestión”.

Migración legal
Os representantes rexionais e locais abordaron tamén a necesidade de garantir unha migración legal, cualificada e en consonancia coas carencias do mercado de traballo europeo, que ofreza vías seguras a cidadáns de terceiros países altamente cualificados.

O pasado 7 de xuño a Comisión Europea presentou ante o Parlamento Europeo unha serie de propostas para una nova política de migración legal, entre as que destaca a reforma da coñecida como “tarxeta azul”, unha autorización de residencia e traballo que dá dereito ao nacional dun terceiro país a exercer un emprego cualificado nun determinado Estado membro. Aínda que este sistema botou a andar en 2009, a Comisión Europea entende que é preciso establecer un réxime único de funcionamento para toda a UE xa que na actualidade as restritivas condicións de admisión e a existencia de normas paralelas nos distintos Estados membros limitan a súa eficiencia.

Integración de nacionais de terceiros países
Igualmente, celebrouse un primeiro debate sobre a proposta dun Plan de Acción para a Integración dos Migrantes de Terceiros Países na UE, presentada a principios de xuño pola Comisión. Este paquete de medidas inclúe axudas financeiras para que os membros da UE poidan incentivar a integración laboral e social dos cidadáns de fóra da UE nos países receptores, unha competencia que xeralmente recae nos estados.

Seguridade e loita contra o terrorismo
O impacto dos atentados terroristas en París e Bruxelas, e a ameaza que os extremismos violentos supoñen para a paz e a seguridade da UE centraron, ademais, un debate dos membros de CIVEX co responsable da unidade “Terrorismo e Xestión de Crise” da Comisión Europea, co director da Relacións Exteriores e Asuntos Europeos do Instituto Europeo da Paz, e coa alcaldesa de Molenbeek, o municipio bruxelense na que se xestaron algúns dos últimos atentados xihadistas en Europa.

Revisión da Política Europea de Veciñanza
Esta reunión de CIVEX levaba un único ditame para aprobación na orde do día, un texto sobre a revisión da Política Europea de Veciñanza (PEV), aplicada aos países cos que a UE ten fronteira terrestre e marítima no Mediterráneo e no leste do continente europeo. O texto pon o acento na defensa dos valores e ideais da UE, a estabilidade e a prosperidade, fronte a unha revisión pragmática da PEV. Jesus Gamallo, como coordinador político, negociou coa relatora do ditame varias emendas para enriquecer o texto.

A comisión CIVEX do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste mandato 2015-2020, Galicia participa na comisión CIVEX, que se encarga de temas como a cidadanía activa, a política de inmigración e as relacións exteriores, e na comisión NAT, sobre desenvolvemento rural e Política Agraria Común (PAC), pesca e recursos naturais.