Galicia disporá de máis de 4.000 millóns de euros de fondos comunitarios
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo destacou a importancia de facer un bo uso dos novos fondos estruturais en Galicia, que teñen coma finalidade apoiar a creación de emprego, a competitividade empresarial, o crecemento económico, o desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida.
Jesús Gamallo participou en Vigo no Foro “Vigo ante o seu Futuro”, organizado pola Cámara de Comercio de Vigo e a Fundación Provigo, sobre os fondos estruturais, o seu impacto na economía da nosa Comunidade Autónoma e o novo período 2014-2020.
O director xeral destacou que Galicia disporá de máis de 4.000 millóns de euros de fondos comunitarios para o período 2014-2020, unha cantidade que segundo explicou, é resultado da suma de todos os fondos europeos –Fondos Estruturais (FEDER e Fondo Social Europeo), FEADER (Fondos Agrarios) e FEMP (Fondos Pesqueiros), unha cifra que segundo relatou “lle permitirá seguir avanzando”
Na súa intervención, Gamallo tivo tamén a oportunidade de comentar as principais claves do Programa Operativo Feder que elaborou a Xunta para o novo período 2014-2020; un programa no que Galicia propón un novo modelo económico baseado: no investimento en tecnoloxías, no investimento en innovación e investigación e no apoio á pequena e mediana empresa.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo destacou hoxe que dende a ata o período 2007-2013, a Unión Europea destinou a Galicia preto de 19.000 millóns de euros en axudas con finalidade estrutural. Estas axudas, permitíronlle evolucionar á nosa Comunidade Autónoma, en termos de PIB per cápita, cara á media da UE ata alcanzar o 92,3% en 2009.
Lembrou que grazas a un intenso labor en Bruxelas encabezado pola Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa, conseguimos que o Marco Financeiro Plurianual recollese as nosas reivindicacións, creando unha «rede de seguridade» que nos permitirá manter un 60% dos fondos estruturais (FEDER, FSE) que recibimos no período anterior 2007-2013 malia sermos unha “Rexión máis desenvolvida”, por enriba do 90 por cento da renda per cápita da UE-28.