Os xardíns municipais serán escenario este domingo do primeiro mercado local do verán. De novo poderemos atopar a moi bo prezo alimentos frescos e elaborados, produtos de artesanía e centos de curiosidades, desde roupa ata ferrallada antiga, pasando por libros, discos e outros obxectos de segunda man. Agárdase que o mercado se vexa máis animado por cadrar coa xornada electoral. Ademais de ser punto de referenza para o comercio de proximidade, a cita tamén será unha escusa máis para visitar San Sadurniño e gozar da paisaxe e dos recursos patrimoniais. De feito, o Concello acaba de instalar diante da casa consistorial un panel informativo no que se marcan dúas ruta turísticas circulares para coñecer unha parte do municipio sen ter que afastarse moito do propio mercado.
O mercado arrancará sobre as 10 da mañá, aínda que o movemento xa se notará desde dúas horas antes coa chegada de expositores ao recinto segundo a orde de instalación asignada polo Concello. Agárdase que para esta primeira cita feiral do verán se xunten arredor de 80 postos. Unha cifra que pode variar á baixa se o día vén de auga, aínda que as distintas previsións meteorolóxicas -pouco fiables con tanto tempo de adianto- indican que teremos unha xornada de verán en toda regra.
O evento manterá a distribución de sempre ao redor dos sendeiros do parque situado detrás da casa consistorial. Na metade oeste situaranse os postos de froitos da terra, produtos frescos e alimentos transformados, ademais de viveiros e comercialización de plantas. A parte central resérvase para a artesanía, que continuará polo sendeiro situado ao leste dos xardíns mesturándose coa oferta de segunda man.
O mercado local de San Sadurniño naceu co obxectivo favorecer a comercialización dos produtos de calidade da comarca, na liña de que o maior valor engadido quede nas explotacións. Un obxectivo ao que sempre se lle arrimou a posibilidade de vender unha infinidade de artigos manufacturados -coiro, manualidades, roupa, cerámica, etc.- e tamén obxectos antigos/vellos, na procura de recuperar o espírito e o cometido socieconómico das feiras de toda a vida.
Por outra banda, o mercado tamén se concibe como un atractivo turístico máis que faga de gancho para coñecer o territorio gozando da paisaxe, dos recursos patrimoniais e da excelente atención da hostalaría local. Con ese obxectivo, o departamento de Desenvolvemento local deseñou dúas rutas circulares con saída da Casa do Concello que permitirán coñecer a natureza e o patrimonio da contorna do centro urbano e da propia feira.
A ruta paisaxística ten un trazado de 3 quilómetros e percorre as beiras do río Grande de Xubia pasando polos xardíns do pazo, o arboredo galego, a horta de froiteiras autóctonas e outros recunchos que salfiren o paseo fluvial. A outra, a patrimonial, discorre por diante dos principais elementos arquitectónicos e históricos do centro urbano, comezando polo propio pazo consistorial. A ruta avanza pola avenida Marqués de Figueroa facendo parada no Convento do Rosario e a igrexa de Santa María a Maior antes de chegar á capela do Belén. Alí xira con rumbo ao Outeiro e despois regresa á casa do Concello. No camiño poden apreciarse elementos arquitectónicos nos que se mesturan os estilos tradicionais e outros máis recentes en forma de casonas que evocan as correntes de comezos do século XX, época na que o marquesado gozou do seu máximo esplendor.
Tanto a ruta ambiental como a patrimonial son de baixa dificultade e aptas para toda a familia. Ademais nunha e na outra hai varios locais de hostalaría nos que poder facer unha parada ou mesmo xantar por bo prezo. Iso si, cando hai mercado aconséllase reservar con antelación.