Friday 22 de November de 2024

Arranca en Ordes o Summer Camp 2016


160 nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos participarán ata o mes de setembro nas actividades de conciliación do Concello nas que se mesturan idiomas, diversión e creatividade

O Summer Camp 2016 deu comezo hoxe para os nenos e nenas de 3 a 12 anos do concello de Ordes. En total hai que falar de 160 nenos e nenas que participarán nas múltiples iniciativas e actividades programadas para o campamento de verán que durará ata o vindeiro 9 de setembro.

A dinámica que se seguirá será o percorrido dunha liña temporal que arrancará na época prehistórica e rematará na era dixital, mediante actividades creativas, lúdicas e didácticas de diversa índole. Todo isto mesturado con excursións, saídas a espazos naturais, obradoiros de cociña, visitas guiadas a lugares de interese dentro da localidade, práctica de deporte, cine de verán, festas temáticas etc. Unha vez máis os encargados optan por levar a cabo esta iniciativa nas linguas galega, inglesa e castelá.

Con todo isto o Concello de Ordes brinda ás familias do lugar conciliar o seu día a día durante a época estival, ofrendo un programa no que se mestura diversión, aprendizaxe, creatividade, idiomas e moito máis.

O horario previsto vai dende as 9 ata as 14 horas, habendo a posibilidade de amplialo e contratar outros servizos. Dado o número de asistentes durante o mes de xullo está asegurado o sistema de transporte dende as parroquias do municipio, existindo a posibilidade de amplialo para o resto das quendas.

Os prezos a aboar serán de 20 € (23-30 xuño), 44 € (1-15 xullo e 17-31 agosto), 36 € (18-29 xullo), 40 € (1-12 agosto), 28 € (1-9 setembro) en función da quenda escollida, tendo un desconto de ata o 50% para as familias numerosas.

O Summer Camp 2016 ponse en marcha en colaboración coa escola ConTalento, e contando co financiamento da Deputación da Coruña.