Friday 22 de November de 2024

A EGAP debate sobre a convivencia entre o dereito á información e o respeto á intimidade e á imaxe das persoas


 

A directora da Escola Galega de Administración Pública e o director da CRTVG inauguraron a xornada “Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos”

 

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, inauguraron a xornada “Intimidade, imaxe e medios de comunicación públicos”, onde distintos profesionais debateron sobre a convivencia do dereito á información e o respecto á intimidade e a honra das persoas sobre as que se informa.

A directora da Escola Galega de Administración Pública salientou que unha vez máis o centro que dirixe optou polo debate e á reflexión dun tema de impacto social e actualidade que suscitan grande interese na cidadanía, como é o o tratamento da intimidade e da imaxe nos medios de comunicación públicos e a influencia destes medios na formación da opinión pública, especialmente ao informar sobre casos penais de gran transcendencia.

Segundo destacou, os recentes cambios producidos na sociedade, especialmente derivados da extensión das novas tecnoloxías a todos os ámbitos da vida, traen ao primeiro plano de debate cuestións tales como os límites do dereito á información, os xuízos paralelos nos medios ou o tratamento informativo que se lle dá ás vítimas. Neste último apartado, as xornadas incidirán no tratamento informativo de casos que afecten a menores de idade.

Rodríguez-Campos incidiu na necesidade de que os medios de comunicación e os profesionais que traballan neles, pola súa vocación de servizo á sociedade, sexan especialmente coidadosos con estas cuestións. A responsabilidade social dos medios, especialmente daqueles de titularidade pública, esixe que o seu comportamento, canto ao manexo e difusión da información, garanta o exercicio pleno dos dereitos fundamentais da cidadanía.

Expertos en dereito e comunicación
As xornadas comezarán inmediatamente despois desta inauguración cun relatorio sobre “A Lei de transparencia, acceso á información pública e bo goberno e a súa incidencia nos entes públicos”, ofrecida polo maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José Ramón Chaves García.

Posteriormente, o avogado especializado en Dereito Informático, Víctor Salgado, abordará o “Emprego de datos persoais recollidos de Internet ou redes sociais con fins informativos ou de investigación xornalística”; e a catedrática de Dereito Penal da Universidade de Alacante, Carmen Juanatey, disertará sobre “A protección da intimidade fronte as gravacións de imaxes e conversas”.

Xa pola tarde haberá un relatorio dedicado a “Os xuízos paralelos nos medios de comunicación”, do catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Barcelona, Jordi Nieva; e unha mesa redonda sobre “A formación da opinión pública e o tratamento dos temas penais nos medios de comunicación”, moderada pola delegada da Axencia EFE en Galicia, Ana Martínez Pedrosa. Nesta mesa participarán o fiscal Antonio Roma; o director de La Voz de Galicia, Xosé Luis Vilela; o profesor de Dereito Penal da USC, Gumersindo Guinarte; e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro.