Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame convoca os seus Campamentos de Verán, que inclúen actividades deportivas, culturais e de natureza


Dirixido a nenos e nenas de 6 a 15 anos, terán lugar entre o 11 e o 15 de xullo. Os prezos mantéñense nos 45 euros (empadroados) e 65 euros (fóra de Lousame)

O Concello de Lousame convoca a decimocuarta edición dos seus Campamentos de Verán, que terán lugar entre o 11 e o 15 de xullo e que “teñen como obxectivo ofrecerlles aos rapaces e rapazas de Lousame cinco divertidos días disfrutando de actividades lúdico-culturais, deportivas e de natureza”, explica Silvia Agrafojo, concelleira de Ensino e Servizos Sociais. Unhas actividades dirixidas a rapaces e rapazas entre os 6 e os 15 anos de idade.

Os prezos mantéñense igual ca en anos anteriores: 45 euros para empadroados en Lousame e 65 euros para os de fóra do concello. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, co polideportivo municipal Pilar Barreiro como centro de operacións, e todos os rapaces terán que traer o xantar e a merenda todos os días, coa excepción do venres 15 de xullo. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no 981 825 780).

Programa de actividades

Os Campamentos de Verán comezarán o luns 11 de xullo, ás 9:30 horas, cos tradicionais xogos de presentación para irse coñecendo todos e o obradoiro de actividades plásticas. Como novidade, este ano haberá unha charla e exhibición de Canicross a cargo de Fernando Pérez “Dete”, campión de España da modalidade. A primeira saída terá lugar esa mesma tarde, cunha visita a unha praia de Porto do Son onde haberá xogos cooperativos, paddel e surf. Para o martes 12 de xullo está programada unha excursión ao parque multiaventura Galipark e ao parque Río Barosa.

O mércores 13 de xullo terán lugar uns xogos acuáticos na piscina municipal e un obradoiro de actividades plásticas. Ademais, terá lugar unha segunda charla, nesta ocasión a cargo de Miguel Figueira Núñez, campión Ibérico de Triathlón. O cuarto día, xoves 14 de xullo, será unha xornada de praia, con xogos, barbacoa e karaoke. Dende o Concello lembran que os cativos deben traer crema de protección solar adaptada á súa idade. Finalmente, o venres 15 de xullo haberá unha gran festa de despedida con rocódromo, futbolín acuático, pista americana, piscina, festa da escuma, sesión DJ e actuación de breakdance a cargo de “Vella Escola”.

A concelleira de Xuventude, María Regenjo, lembra ás familias que “a puntualidade é imprescindible, sobre todo no remate das xornadas, polo que é imperativo que os nenos/as se recollan antes das 21:00 horas sen excepción”. Ademais, recorda que durante o campamento non se permitirá o uso de móbiles, tablets, videoxogos nin dispositivos de reprodución multimedia por parte dos pequenos.