Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño arderá en 90 saltas de San Xoán e San Pedro


O rexistro municipal recolleu nos últimos días un total de 90 comunicacións previas para as tradicionais “saltas” do San Xoán. Moitas delas son para hoxe, porén hai quen adiou a celebración para mañá e incluso o sábado co obxectivo de facela cadrar coa fin de semana, aínda que mañá sexa festivo autonómico. A través das redes sociais sabemos que esta noite saltarase o lume en Naraío e San Sadurniño e que mañá farán o propio en Igrexafeita e Lamas. Nesta última parroquia a asociación veciñal denominou o evento “Sardiñada do San Xoán e San Pedro” atendendo á tradición cada vez menos celebrada de facer fogueiras na honra do apóstolo.

Sobre as orixes de facer cacharelas, fogueiras ou “saltas” nestas datas hai moitas teorías e todo apunta a que se trata da cristianización de ritos anteriores cos que se lle daba a benvida ao verán. Ao respecto das datas cristiás hai algunha curiosidade, como que María e Sabela/Isabel -nai de Xoán o Bautista- eran curmás e que este era exactamente medio ano máis vello que Xesús. Polas contas dos Evanxeos, Sabela estaba xa encinta de 6 meses cando a María lle anunciaron o seu propio estado (25 de marzo). San Xoán -único santo que se celebra no día do seu nacemento- tería nacido o 24 de xuño e, 6 meses despois, o 24 de decembro -Noiteboa- tería nacido Xesús.

Deixando a un lado as curiosidades, o certo é que estamos ás portas dunha das noites máis festeiras do ano e quizais -xunto co Entroido- a que mellor soporta o varrido do tempo sobre a tradición. Aínda que a asociación de veciños non faga fogueira, esta noite en case todas as casas haberá algún lume, por pequeno que sexa, e mañá amencerán floreadas fiestras e portas como liturxia pagá contra males de ollo e atraente da boa sorte.

Sexan grandes ou pequenas, as fogueiras foron e sempre serán de lume. E é sabido que tempo seco e lume non son boa compañía. Por iso desde hai anos é necesario avisar á Xunta de onde se vai celebrar o San Xoán adquirindo, ademais, o compromiso de velar porque non haxa ningún descoido que poida provocar un incendio. As comunicacións poden facerse a través dos concellos e, no caso de San Sadurniño, a primeira mañá de hoxe levábanse recollidas no rexistro un total de 90. A maior parte delas son xuntanzas domésticas ou entre veciños e veciñas de determinados lugares, case sempre en cruceiros de camiños.

Temos constancia de que en Naraío celebran hoxe o San Xoán no local social da Veiga cunha churrascada -12 euros persoas socias, 15 non socias e menores de 12 anos gratis- que irá seguida dunha repichoca e do acendido da salta. Nas redes sociais a asociación cultural AC/DZ -organizadora das festas de Santa Sabela deste ano- tamén anunciou hai algunhas semanas que ían celebrar o solsticio.

Outras entidades optaron por cambiar o día para facelo cadrar máis preto da fin de semana. En Lamas a asociación de veciños organizou unha sardiñada para a noite deste venres no local social. Alí celebran xuntos o San Xoán e o San Pedro e arrancarán ás 21 horas con prezos de 10 euros para persoas socias, 13 para non socias, 5 euros para rapazada entre os 12 e os 16 anos e e menores gratis. Ademais das sardiñas servirán liscos, chourizos, patacas cocidas e café. Antes de sentar á mesa tamén proxectarán o documental “Cantando a Manuel María”, do director Gonzalo E. Veloso. Tamén na noite do venres, a Asociación Adiante de Igrexafeita convida a unha sardiñada que será gratuíta para persoas socias, mentres que as non socias deberán pagar 5€.